Pola Guaranía brasileira - 24-04-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Abandonamos Iguaçú, camiño de Curitiba, capital do estado do Paraná. Longa ida por unha estrada non abondosa de arranxo onde o Estado ten máis de vinte paradas de cobro. Imaxinemos que nunha estrada ben de terceira impoñan aquí un imposto que beneficiase o Estado, sería a revolución. No Brasil pagan santa e piadosamente sen chistar.

Terra ancestral dos guaranís, onde emanou cultura sen par; lingua vehicular de enorme transcendencia até que os invasores vindos de Portugal e España impuxeron ferro e morte, odio e desespero. Terra calcinada polas misións xesuíticas que parcelaron esta terra para saqueala e impoñer os oprobios que o propio Cristo detestaba. As reducións de indíxenas non deixaban de ser un enorme territorio controlado pola orde xesuítica, que os propios misioneiros chamaban "República de Cristo".

Camiñar por esta terra de guaranís un é levado á transcendencia da historia que tanto nos fala dese vertixinoso desencontro con eles mesmos. Crueis episodios do descubrimento e da colonización, o mundo foi máis pobre ao perder todo ese universo cultural cargado de mitos, de crenzas, de historias, de contos orais. O amor con que se coidaba a natureza, sendo eles os verdadeiros ecoloxistas até que a barbarie eclipsou o esplendor existencial dese ser guaraní que agarimaba esa terra de recompensas e sen maldade.

Pasando o pobo de Guaraniaçu, mesmo cando a estrada se oculta nun denso manto vexetal sen par, onde as vendedoras indíxenas exhiben os seus tradicionais formatos de artesanía, composto con fibras vexetais e pintados de exaltadas cores. Nese esmorecer do que se esquece xorde o pasado, na súa máis exaltada tradición. Facemos parada nunha desas tendas ocasionais da estrada onde unha señora metida en anos e unha rapaza na súa máis exaltada pubertade tratan de vender, pechándose na súa propia fascinación e retraemento ante o branco. Deime conta de que a miña pel é un referente de opresión e humillación que eles soportan. Hai razóns poderosas para que eles se pechen e só precisen do noso diñeiro a cambio dunha desas prendas tan ornamentadas, quizais pezas exclusivas de cerimonial: o máis sagrado posto á venda para sobrevivir. Mentres o auto avanza lentamente, os indíxenas, sobre todo rapaces de moi curta idade, bótanse sobre nós para vender a súa mercadoría. Esforzados cabaleiros da aventura; trotamundos do desespero, até cando lles daremos a súa dignidade? Mais eles teñen que volver á redución con moeda miúda de feira e permanecer no elemental das ambicións cotiás: non desesperar máis o estómago.

A medio camiño de Curitiba un rancho de comidas, recomendado por un camioneiro, e ostentado por varios irmáns no que, espectacularmente, conmove tanta amabilidade. Eu desde que probei a picaña, en Belo Horizonte, funa repetindo en toda a miña dieta no Brasil. A picaña, ese asado tan heteroxéneo que non deixa de ser unha recompensa que as deidades guaranís teñen reservada para que ninguén esqueza os dons desta ampla terra esquilmada pero aínda bondadosa e solidaria. Ese don de amplo distingo familiar que se impón nese rancho de comidas que se tornou en benevolencias coa familia Mello e comigo revela que ese enorme Brasil, nas súas penitencias, teña dramas e inquedanzas tan longas que non deixan de ser problemas que o Estado debía superar.

A beleza do Estado do Paraná é un don visíbel desas planicies verdes; deses cómaros que multiplican o seu candor vexetal harmonizando e dando vida a ese extenso horizonte. A estrada está gornecida por eses peculiares piñeiros paranenses, estruturados en dúas cúpulas ben diferenciadas nos seus ritmos, a máis curta parece que custodia a máis ampla e altiva. Seguro que nas crenzas guaranís aí repousa algún don dos deuses.

martes, 24-04-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras