A multiculturalidade de Curitiba - 08-05-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Para ninguén é unha novidade o Brasil multicultural e multirracial. Curitiba é a cidade que expresa este gran don dos brasileiros, e atesourar a cultura dos foráneos e, reciprocamente, integrarse na grandeza do que se descobre. Curitiba é unha cidade que ama as flores deses inmensos parques e o gorgolexo de tantas aves que locen impresionantes cores na súa plumaxe, isto é un bo síntoma para que tamén se ame a cultura e a idiosincrasia dos emigrantes. A multiculturalidade é un respiro e unha referencia que Curitiba lles ofrece ós seus visitantes e un punto moi indicativo de solidariedade entre antigos e novos residentes. E xa os que botaron raíces, na honra dos seus países de orixe, crearon espazos emblemáticos onde diversas xeracións conmemoran saudades.

O barrio italiano de Santa Felicidade co parque de São Cristóvão, onde se ergue un memorial á emigración italiana. Este barrio está marcado por un portal en arco desde onde se divisan os enormes restaurantes e pizzerías que ofrecen a culinaria italiana do mellor gusto e agrado.

Os portugueses teñen o seu bosque cun memorial de vinte e dúas columnas con versos dos maiores poetas portugueses. Outro bosque, que a inmensa emigración polaca erixiu, e que agora está dedicado ao papa Wojtyla. Aquí están sete casas de madeira típicas de Polonia; unha delas está convertida en capela ­cunha imaxe da virxe de Czestochova, doada polo Papa. Un camiño entre a foresta ofrécelle ao visitante a lectura dos Salmos, gravados en placas que aluden á catolicidade polaca. Tamén os ucraínos teñen no parque de Tingüí outro memorial en formato do hábitat de orixe. Os alemáns contan cunha igrexa e cunha sala de concertos, denominada: "Oratorio Bach" e unha serie de elementos autóctonos que lembran a este país.

A comunidade xaponesa ten como memorial un pagode que serve de exposicións e está rodeado dun fermoso xardín con numerosos versos haikus. A emigración xudía esta representada no elevado monumento denominado, Fonte de Xerusalén. O memorial da emigración árabe é unha edificación rigorosamente de estilo árabe, no medio da cidade, con columnas que decoran a entrada. A súa cimeira remátaa unha artística cornixa de azulexos con inscricións coránicas.

Entre voltas e revoltas, sempre asistido por esa moza con talento e temperamento, que é a Maira e, tamén, polos seus pais, a descuberta das entrañas de Curitiba resúltame esencial para ver o lado humano que engrandece eses enormes espazos onde un non deixa de integrarse.

Do lado humano poño como exemplo o casal formado por Elsa Oliveira e João Vermelho, os avós de Maira, dous octoxenarios encantadores que viven na periferia de Curitiba, dona Elsa coida dun floreado xardín nas rentes da súa casa; é unha enorme cociñeira que sazona moi ben os producos que cultiva. No mesmo protocolo de presentación o señor João non deixou escapar a pregunta: "você é da dereita ou da esquerda?". Deixei que adiviñara, e acertou ben. Sei que a miña visita lle interrompeu a lectura dun libro sobre Luiz Carlos Prestes, que tiña enriba da súa mesa. Iso deu pé a que el me falara, con precisión e vontade, do gran líber comunista que eu xa coñecía vagamente.

O señor João foi activista e militante comunista nos peores anos que lle tocou vivir ao Brasil. A súa infinidade solidaria é desbordante. El fai precisións moi atentas do que é a loita de clases, que moitos esquecen. Prestes, ademais de ser a súa icona e a referencia dos cambios sociais que foi dando o Brasil. Na II República española cantábase o Himno a Carlos Prestes, composto por Armand Guerra e musicado por Carlos Palacio que comezaba: "Las semillas rebeldes ya se extienden/ por los pueblos y aldeas de Brasil". O camarada João segue fiel ós seus principios

martes, 08-05-2007