Polo São Paulo do fútbol - 12-06-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

A exhibición constante da iconografía idolátrica do fútbol no Brasil é un fenómeno que os brasileiros aínda pode que non entendan e os europeos estamos a anos luz de percibir o que eles entenden. Polo fútbol hai un sentimento profundo, mais pesa esa forte adicción que se transmite dunha maneira espiritual e abstracta.

O fútbol no Brasil é a regalía que fan os ricos ociosos para involucrar os reprimidos e anguriados para que descarguen as súas furias depresivas que adquiren nos seus traballos desordenados. Para as clases máis desposuídas é un aliciente ver os seus fillos chegar a millonarios por esta vía. Mais o fútbol tamén é arte e táctica; combinación de estratexia e é por iso que todos discuten de xOgadas históricas dun Pelé ou dun Garrincha. Este último apaixonou os seguidores do Botafogo e eles aínda falan puntualmente dos seus 232 goles que saíron das súas pernas arqueadas e escorredizas.

E nese santuario de iconoclastas, Ronaldinho é o mais valorado polos nenos, que pode que se identifiquen máis co seu sorriso que coa súa pegada. Ese ardor futboleiro maniféstase polas rúas do Brasil nesa camisola do Barça e co nome de Ronaldinho.

A fulgurante estrela que para eles nunca se eclipsa. O fútbol, pois, é unha maneira de ver o mundo moi diferente ao marco da realidade. Así é que todos saben, opinan e esgazan de incontinencia do verbo paixonal.

Tiven a fortuna de estar acompañado por Luiza, profesora brasileira, e polo seu esposo, Horacio, enxeñeiro e arxentino, que me levaron a moi puntuais recunchos da cidade. Pasamos polo Estádio Palestra Itália onde xoga o Palmeiras que tantas veces veu xogar amizosos co Deportivo da Coruña, no trofeo Teresa Herrera. Despois estivemos no grande Estádio Municipal Paulo Machado de Carvalho, onde xoga o Corintia, que está situado no barrio de clases medias de Pacaembu.

O garda deixounos pasar para sacar fotos deses grandes espazos de cadeiras, partillados en cores que poden responder a clases sociais. Fóra do campo hai moviola polos vendedores de insignias e camisolas. Achegámonos a un repoludo rapaz mulato que vendía prendas deportivas e non me resistín a mercarlle unha delas. A súa indumentaria era unha camiseta cun enorme escudo do Barça e nas súas costas o número 10 e o nome de Ronaldinho. Aquela dócil fermosura de neno que evitaba ser "menino da rúa" ostentando o seu miúdo negocio, capaz de levar para a súa casa pan e sal.

Este mulatiño sabe de fútbol e estaba fascinado -como todo brasileiro- con que a súa selección achegue outra copa do mundo. Parece que a liga importa menos. Cada xogador da selección representa moitos espazos sociais e sentimentais dos brasileiros.

Mais o vendedor de camisolas cando lle dixen que eu era de Barcelona e que ía ver xogar o Ronaldinho ficou fascinado. Inverteu todo o resplandor da súa doce ollada no meu rostro, como se o Ronaldinho estivera aí a puntapés co balón. Expliqueille como esa máquina chamada Ronaldinho era capaz de cativar o xentío do Nou Camp.

- "Alguma vez vou ser capaz de olhar as suas mágias" -dixo-.

-"Com certeza que você vá a ver ao Ronaldinho jogar no campo do Coríntia". El sorriu ante a miña promesa de falso profeta, e de ver, algún día os malabarismos do máxico Ronaldinho.

Vin un confronto de fútbol pola televisión entre dous equipos brasileiros, nun deses salóns dedicados a ollar fútbol e o unísono retumbante cara ás boas xogadas esclarecía ese fervor e o bo gusto polas tácticas escrupulosamente ideadas. Moitas veces gusto máis de observar ese público cativado e engaiolado, que di palabras soeces mais sempre cheas de analoxías empíricas, onde o xogo da pelota se agranda para ser percibido dunha maneira esexética, tan doce e tan cruel como a vida mesma.

martes, 12-06-2007