Farrapos de nube 28.08.07
ECOS DA BERENGUELA -xornal

O escritor Xoán Neira, autor consolidado na literatura infantil, vén de publicar unha nova obra, en Baía Edicións, de poemas para cativos, e ilustrado por Ánxeles Ferrer

XOSÉ LOIS GARCÍA
A poesía –din os entendidos– non é unha materia fácil e se a isto lle engadimos a temática infantil complicamos o proceso de formación da mesma. Por tanto cómpre estar moi destro no cálculo de artellar unha poesía que sexa comprendida polos nenos e dixerida polos adultos. Calquera temática literaria ten que ter unha calidade sobria e lexíbel que conforme as dúas direccións do destinatario. Por tanto, o creador de poesía infantil ten que fermentar materia para compracer os sentimentos de quen vai valorar os extremos da obra.
Moitas veces acontece que o que crea literatura infantil nin comprende a mentalidade nin as relacións dos nenos e, son estes, os primeiros que se decatan das ausencias mais íntimas que os podían convocar a unha emoción integral para comezar a entender o que é ficción e o que é realidade.

Mais o autor de Farrapos de nube (Baía Edicións) é un profesor de ensino que coñece moi ben a mentalidade e as preferencias de seus lectores,
falamos de Xoán Neira o talentoso escritor que xa nos ten dado outras primicias de literatura infantil; un autor de prestixio que ten varios rexistros e que veñen consolidar unha áurea escrita na que os nenos se inician como lectores e futuros escritores, en moitos dos casos.

Xoán Neira é un autor consolidado na literatura infantil. El sabe como pedagogo que a poesía en Galiza é un tema minoritario e de adultos e, por isto, escribir poesía para nenos é potenciar futuros lectores que de adultos van mercar e ler poesía e, de contado, terán outros valores moi distintos dos que hoxe temos con respecto á literatura en xeral. Por tanto, o investimento que Xoán Neira está facendo con respecto á creación, con certeza que vai dar froitos.

En Farrapos de nube susténtase unha variedade de temas que integran o neno nun brinquedo inusual e diferente a outros brinquedos materiais.
Toda unha aprendizaxe de convivencia coas cousas e cos seres que moitas veces nos parecen tan lonxincuos e inverosímiles e que as crianzas lle van dar outro valor esencial. As achegas de tantas cousas que aparecen nestes poemas abriranlles camiños e descubriranlles universos enteiros.

Nestes poemas a natureza ten a súa presenza desde o lado vital e desde a banda ecolóxica. As augas fluviais e as marítimas en seus espazos naturais, así como a choiva, a neve, a néboa transcenden e desfilan alén desas lides en que certos autores de literatura infantil están a condicionar o lector a un certo mimetismo de considerábel desatención ante seus lectores. Neste contexto, non diriamos todo sobre este libro no que baixo o selo de Ánxeles Ferrer, responsábel das ilustracións, hai unha recreación co texto que salienta esa uniformidade de creación e recreación: amén de toda unha obra literaria e artística de gran beleza e de luminosa altura.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras