O rumor dos rumorosos 11.09.07
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

N on coñezo ningún himno nacional que comece por interrogación, como o himno nacional galego. Eduardo Pondal, o seu autor, comeza preguntándonos aos que nacemos e vivimos nas xeografías verdecentes das costas e das chairas galegas. A primeira interrogante a ninguén confunde, "sóo os iñorantes, e feridos e duros". As dúas interrogacións da primeira estrofa quixo con elas, o poeta, perfilar a nosa propia interrogación ante a admirada paisaxe e os ritmos desa nobre e antiga transparencia. Quere dicir reconstruír a historia cun sentimento que sexa capaz de interiorizarnos en todo o seu contexto cósmico.

O poema: Os Pinos (himno galego) é agora noticia por dous temas ben desiguais e contraditorios. O próximo 20 de decembro cúmprese o centenario da súa primeira interpretación no teatro Chacón, onde hoxe se asenta o actual Centro Galego da Habana. E na placa que alí figura dise que foi interpretado pola Banda Municipal da Habana que dirixiu Guillermo Tomás, e que todo iso se lle debe a José Fontenla.

Coido que este primeiro tema é ben dixeríbel para tódolos galegos en conmemorar algo tan usual na nosa vida cívica que nos identifica con todos eses rumores que emanan de tódalas xeografías galegas. Mais o segundo tema é bastante escabroso cando algúns voceiros do PP queren que ignoremos esa interrogante que nos implica a que entremos na seiva da Matria Galaica. O himno galego é para cantalo e divulgalo a carón dos catro lados de Galiza. Pero non só cantalo senón amalo e escudriñalo en todas as súas interrogantes e admiracións. E isto hai que facelo desde as escolas. Un neno catalán xa aprende nas escolas Els Segadors aos cinco anos. Hai poucos países da comunidade internacional nos que non se ensine a cantar o himno nacional nas escolas infantís. Todo isto parece para certos persoeiros do PP galego unha conspiración contra a consigna tradicionalista de: "Santiago, y cierra España".

Galiza ten o seu himno nacional e é o símbolo colectivo que nos fai partícipes dunha unión que está por enriba de calquera pensamento único.

A poucos se nos escapa que na ditadura franquista se prohibiu cantalo, mais o pobo fixo o esforzo en facer resoar os seus ecos, e o franquismo foi cedendo e permitiu que se cantasen as dúas primeiras estrofas, por consideralas as mais suaves. En moitos estamentos oficiais e instancias políticas galegas aínda só se utilizan estas dúas primeiras estrofas. Hai medo ás dúas últimas, nas que Eduardo Pondal é incisivo nos diversos cualificativos, como: "iñorantes", "duros", imbéciles", "escuros". A frontalidade expresiva non deixa dúbida ningunha sobre o carácter de quen oprime a nosa nación.

Realmente, o noso himno faille cóxegas ás malas conciencias cando resoan os últimos versos: "pois, donde quer, xigante/ a nosa voz pregoa/ a redenzón da boa/ nazón de Breogán". Pois esta contundencia para uns estorba e para outros férelles o seu pensamento transmontano. Mais a realidade é que somos unha nación sen Estado, sumida en moitas contradicións, sectarismos e faltos dunha liña impulsora que propicie normalizar o noso país. O noso país normalízase cando os nosos nenos saiban identificar os símbolos de Galiza, como é o himno, coas diversas realidades históricas e os ecos naturais dese microcosmos chamado Galiza. E quizais as agrimensuras da Nosa Terra impacten nas diversas xeografías do sentimento para que xere aos "bos e xenerosos".

O esforzo que se fai desde a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, neste aspecto, é lexítimo polo que se intenta que nas escolas galegas o noso idioma sexa implacablemente o buque insignia dun cambio no que estes anos derradeiros non se fixo notar. Por tanto, será o idioma quen nos salve dos topos centralistas que crean confusión e proclaman derrotas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras