A web de Uxío Novoneyra 30.10.2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Xusto hoxe, cando se cumpre o oitavo ano da súa morte, os amigos do poeta Uxío Novoneyra habilitan unha páxina web onde se reivindica o Día das Letras Galegas 2010, e pídese a adhesión de firmas para reforzar esta petición ante a Real Academia de Lingua Galega e para que o tempo non aprace a merecida homenaxe a un dos nosos máis insignes escritores da Galiza do século XX. O enderezo desta súa web é simple de memorizar: www.uxionovoneyra.com e nela podemos ver que esta web aínda está en plena evolución, dado que hai varios apartados do menú que aínda están por concluír. Mais o tema central desta páxina é a reivindicación e a acollida de adhesións, dous elementos esenciais e concluíntes que fican presentes nesta páxina.

Uxío Novoneyra foi o poeta das transcendencias dunha Galiza que el nos revelou desde o seu Caurel nativo, ao pór énfase nas diversas particularidades e esencias culturais da nosa nación que estaban remitindo. Toda esa carga humana e humanizante de Uxío é un apelo constante ás nosas conciencias de estar virados cara ás cousas simples, moitas veces desprezadas e que do seu silencio sae un profundo clamor. E aquí onde a súa poesía é núa e refrescante e na que se proclama o amor á nosa terra en tódalas súas variedades e dimensións.

Mais en Uxío Novoneyra atopamos esa Galiza sen barreiras e sen enxeños que lle poidan limitar os seus atributos, como un país estabilizado por unha cultura propia que se resiste a morrer estupidamente. Na súa obra máis elocuente, como son Os Eidos, o poeta non disimulou todas esas frecuencias mensaxeiras de que a propia terra desborda o seu clamor e o poeta foi capaz de captar a linguaxe natural que se perpetúa no "Caurel dos tesos cumes". E nesta dirección non falamos dun poeta estritamente popular que canta ás flores e a outros elementos bucólicos. Falamos dun Novoneyra metafísico, capaz de desvelar todo ese universo do seu microcosmos nativo.

Mais hai outro Uxío Novoneyra menos coñecido para o gran público ignorado, é o home que reivindicou o uso do noso idioma como vehículo transbordante de cara a normalizar a nosa nación sen estado. Lembro moi puntualmente aqueles seus discursos nas clausuras dos Galeuscat, cando el era presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cando concertaba aquelas reivindicacións da lingua galega e o valor que esta ten para recompor ese crebacabezas tan disperso de cada unha das pezas que constitúen a individualidade da nosa cultura. Neses incisivos discursos está a peza clave dun Novoneyra que nos leva ás raigañas dun problema que temos que erradicar, como é a renuncia a falar o noso idioma. Velaquí o esencial e, tamén, a premonición de que se deixásemos de falar a nosa propia lingua mutilaremos a nosa identidade como galegos. De Uxío Novoneyra fica moito por coñecer, desde o lado humano como do lado literario. Por iso é lexítimo que os seus amigos reivindiquen o Día das Letras Galegas para 2010, tendo en conta que sería o ano en que os debates, as clarividencias e as formulacións ao redor de Uxío Novoneyra acheguen, sen dúbida, esclarecer o dinamismo que el apuntou cara a esa Galiza convulsiva e irredenta e poder abrir ese enorme camiño por "terra liberada" desde o Caurel a Compostela.

Neste 30 de outubro, en que Uxío hai oito anos que pasou a outra transcendencia, a súa persoa e a súa obra están vivas e catapúltannos cara a esa envolvente espiral de exemplares exercicios que os galegos non podemos vulnerar. Os poetas na Galiza sempre foron os precursores en anunciarnos futuros sen perversión e denunciar os que hipotecaron ao noso pobo. Uxío Novoneyra é un dos nosos poetas máis implicados en fornecer esa conxuntura de reivindicacións ao denunciar temas moi puntuais de Galiza.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras