Santificar a memoria 20-11-07
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

É bo que se ande ás voltas coa memoria histórica, valla a redundancia, porque a traxedia da Guerra Civil española ten as súas vítimas do lado dos vencidos e dos vencedores. Mais os vencedores impuxeron a súa sacrosanta forza convertida en lei represiva e exhibindo iconas bélicas no frontal das igrexas coa cruz e as frechas de falanxe. A parcialidade e a verdade dos feitos polo chan da manipulación. A poucos se nos escapa que moitos daqueles nomes de mortos colocados nos pórticos dos templos e mortos no bando franquista, non todos eles comungaron cunha guerra que eles foron obrigados a participar nela.

Mentres uns recibiron todos os honores como cruzados pola causa do nacional-catolicismo, feitos á medida do cardeal Gomà, os parias e os demócratas e antitotalitarios que foron masacrados por miles e enterrados (non sepultados) en tumbas secretas e sen darlles a menor opción a seus familiares a que foron dignamente sepultados. Mais os sátrapas fascistas non permitiron revelar os seus crimes durante máis de corenta anos, e isto supón agora que a democracia remova esas foxas clandestinas e entregue a moitas familias amordazadas os cadáveres de seus íntimos. E isto é saudábel que se faga por parte dos que morreron pola República e polos sublevados, aínda que uns foron os causantes da Guerra Civil e gozaron de privilexios e suntuosidades nas súas tumbas. É verdade que houbo excesos por parte dos confrontados, mais uns preferiron máis o masacre que a palabra: paz e reconciliación.

É bo que se saiba a verdade. E a verdade non debe excluír a ninguén nin privilexiar ou personificar a ninguén. Agora volve a guerra das estatísticas por parte dunha institución que alentou a guerra civil e lle deu o cualificativo de Santa Cruzada, e que é verdade que tivo os seus mártires e os seus heroes ben solemnizados nesa reivindicación a perpetuidade. Nada que obxectar, mais agora imponse a verdade de moitos individuos que pasan por mártires cando foron mecenas de alentar masacres.

Non é bo que a inocencia duns sexa demonizada e no sitial dos santos se erixan demos. Por iso é que a confusión está servida e isto aviva odios que van alén dos reparos que é de xustiza que se fagan e que se digan. É preciso manter a memoria sen rancores, pero sempre con matices. Hai matices que se ocultan e unha institución como é a Igrexa, que vai á defensiva, é tempo que se recoñezan os erros, ou ben que se maticen os xestos que se fan en favor duns sen contemplar as vítimas que foron sacrificadas polos sabres co beneplácito dos que ostentaban mitras e de quen levaba a tiara, como é o caso de Pío XII, que obstinadamente solemnizou nos seus discursos de Nadal, posteriores a 1939, loanzas ao réxime franquista. Agora evidénciase que aquela prédica intervencionista do Vaticano a resucita Benedito XVI, ao beatificar a mais de catrocentos cregos asasinados e algún bispo. Que moitos deles foron inxustamente asasinados e outros asediaron o poder constituído polo pobo. Que para nada xustifica ningún asasinato. Hai outros cregos asasinados polo réxime de Franco que baixo a vara de medir da curia vaticana non son merecentes de ser beatificados. Mais todo isto non deixa de ser un material imprescindíbel para ser verificado por historiadores, que en si xa están saíndo a luz casos de varios beatos que actuaron mais desde un posicionamento político e intervencionista contra a II República que desde a caridade evanxélica.

Hai poucas semanas que estiven na catedral de Toledo, e nesta sé primada, ademais de ollar os sartegos de cardeais de rancia estirpe integrista, desde hai séculos, encontreime cunha lápida en latín, no interior da nave dereita, alusiva aos mártires eclesiásticos da arquidiocese toledana. Non deixa de ser un grato recordatorio que os cardeais Isidre Tomàs ou Enric Pla i Deniel -os dous cataláns- deixaron en lembranza dos cruzados e dos mártires como testemuña perpetua dos asasinados por comunistas, ou polo imperio do mal como di o cardeal Cañizares.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras