O poeta Gonzalo Armán 11.12.2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Hai poucas semanas que coñecín na Universidade Federal de Río de Xaneiro, un ser peculiar e destinguido, Gonzalo Armán, zapateiro, libreiro e poeta. O profesor Francisco Soares da Universidade de Benguela (Angola) comentoume que o libreiro que estaba nos pasadizos da Universidade era galego. Achegueime a el e peguei nun libro de Machado de Assis e pregunteille quen era ese escritor, el olloume con cara de pena ou de noxo de verme entre profesores e preguntar quen era o maior escritor brasileiro. Máis tarde colleume o profesor Pontes da Universidade de Fortaleza e presentounos. Oíu a versión de Pontes, sobre min e a miña orixe, e olloume da cabeza aos pés e sorriu entre sufocos...

Deume o seu curriculum vitae, en galego, do que copio: "Gonzalo Armán. Nado no lugar de Viro, parroquia de San Xoán de Róo, Concello de Outes, A Coruña, no 7 de outubro de 1928. Fun a escola ata os 13 anos de idade e máis tarde estudei en varios cursos nocturnos. Comecei a ler literatura e poesía ós once anos, despois lin todo libro que caía nas miñas mans, Historia, Filosofía, Arte, en fin, un pouco de todo. Son un autodidacta. Nacín fillo dun zapateiro e fun zapateiro ata os vinte anos. Despois emigrei para Brasil e hai máis de vinte anos que son libreiro en Río de Xaneiro". Un libreiro itinerante que ergue os seus expositores nos maiores eventos que se fan en Brasil, como o do III Encontro de Professores de Literaturas Africanas. Mantivemos conversa e ficou de entregarme a súa obra poética nas escalinatas da Biblioteca Nacional. Cando cheguei, Gonzalo xa estaba naquel promontorio de suntuosas arcadas. Ao falar con el, fiquei coa impresión de que a estes nosos emigrantes se lles fai pouca xustiza polo seu amor matricial. Digo isto porque Gonzalo Armán, que chegou a Río, só con vinte anos, traballou de zapateiro e despois o seu tempero literario de autodidacta levouno a ser libreiro. Que profesión máis deliciosa o de espallar cultura e vivir dela.

Mais en todo isto hai unha traxedia, a de ser emigrante e vivir Galiza tensamente, porque Gonzalo non renunciou á lingua, ao seu idioma nativo. Despois de sesenta anos en Brasil, fálao correctamente e tamén o escribe. Aí está a súa patente patriótica nestes seus tres libros de poesía: Soedades, Rio de Janeiro (1979), Anacos d"alma, Ediciós do Castro (1991) e o inédito: Soños e bágoas. Todo un elenco saudoso, cicelado por un home que vive cos pés nunha grande urbe brasileira e os seus sentimentos aniñan nun curruncho calquera do seu Viro nativo. O prologuista do seu primeiro e último libro, o profesor emérito da UFRJ, Edwaldo Cafezeiro, acerta ao preponderar que Gonzalo Armán "garda nos seus versos a tristeza da patria (Galicia) de onde se exiliou na busca de días melhores". Cafezeiro atina ben a falar do seu exilio. Os emigrantes somos exiliados "voluntarios", sempre obrigados a descubrir mundos insólitos. E nesta descuberta, o máis insólito é que se manteña un amor profundo coa patria orixinaria.

O primeiro poema de Anacos d"alma, comeza: "Exilieime de ti, por propia escolla,/ ¡O patria idolatrada!... Vivo a sorte/ da soedade inmorrente; cós teus fillos,/ levan no peito, desde o berce a morte". Desta confesión xorden as máis nítidas emocións que florecen na máis exaltada veneración que un poeta pode sentir pola Matria galega. Encontramos neste libro inédito, suxerencias en estilo lineal: "E déronlle a autonomía/ ás terras de Breogán/ como quen da un oso ó can,/ orgullo se sentiu/ o bon goberno central/ e entre si maxinaron/ os do oso e do madroño;/ Non imaxinan que temos/ o caciquismo na man/ dende hai moitos entroidos,/ e téndoos do noso lado/ vamos lle dar que facer,/ darémoslle na cachola/ se a tentaran erguer". O verso núo é máis verdadeiro.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras