Crónica dunha viaxe a Segovia (I) - Martes 09.01.2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Reconforta visitar Segovia por moitos motivos emocionais que esta cidade ofrenda ao visitante. Tiña curiosidade por ver esa Segovia híbrida en cultura e tan castiza e acentuada na Castela mesetaria. Desde a madrileña estación de Atocha encetei unha viaxe encantadora que durou dúas horas, nun deses trens con parada obrigatoria en cada vila da periferia de Madrid. Cando un pasa por Majadahonda a memoria acorda que estamos no que foi escenario bélico do inicio da Guerra Civil de 1936. En Majadahonda tombou o 19 de decembro de 1936, Pablo de la Torriente Brau, o intelectual cubano, comisario político do exército republicano, e por aquí recitaba e combatía, na mesma brigada de Pablo, Miguel Hernández.

O tren ascende polas viravoltas da serra de Guadarrama, entre abetos e érbedos, ao fondo as cúpulas do Escorial aparecen e de- saparecen, unhas veces máis pretas e outras máis lonxincuas. Unha enorme cruz de formigón fainos identificar El Valle de los Caídos, e lembro que por estas paisaxes perdeu a vida en novembro de 1936, nas filas do Exército de Franco, o poeta chairego de Castro de Rei, Francisco Fientosa (pseudónimo de Francisco Vega Ceide), sepultado dentro daquel recinto cunha lápida de que Murió por Díos y por España. O franquismo ademais de producir mortos sacoulles rendibilidade. Estou de acordo co biógrafo de Fientosa, Ricardo Polín, cando di: "Arredando a demagoxia axitadora daqueles que promoveran tan cruenta sangría e que unha vez cautivo e desarmado o Exército roxo andaban á procura peremptoria de mártires ilustrados con capacidade para lle lavar a cara ao Réxime".

Fientosa é aínda manipulado para escarnecer outros poetas como é o caso de García Lorca, asasinado en Granada en agosto de 1936. Nesta recente visita a Madrid caeu nas miñas mans Hermandad del Valle, cun artigo de José Luis Gordillo no que se di: "Como poeta parece que Lorca contaba con bastante menos futuro que, por ejemplo, Rafael Alberti, Vicente Aleixandre, Francisco Vega o Gerardo Diego; y como dramaturgo, dibujante o aspirante a músico (sus otras habilidades) no alcanzaba niveles excepcionales". É unha tristeza que aínda se siga degradando ao granadino e enaltecendo ao chairego. Confrontando dous poetas coa idea tremendista de enaltecer odios, cando o propio Fientosa simpatizaba coa poesía de Lorca, e de certa maneira foi epígono do granadino.

E mentres ía pensando nestas desgrazas bélicas e nos persoeiros dos que falo, desaparece aquela arrogante cruz cando o tren entra co estrondo do ar e da negrura nese longo túnel de Guadarrama, como preludio de pasar páxina a unha historia cruel que dificilmente se esquece. E xa pasado o túnel, o tren cabalgaba cara a Los Ángeles de San Rafael, o pensamento que levaba posto en Francisco Vega Ceide traspúxome, entre aqueles claróns de sol, na lembranza ao seu curmán, Xosé Crecente Vega, poeta e sacerdote, que exerceu en Segovia como profesor de instituto de Ensino.

Nese avance fugaz cara a Segovia, un alto monte de singular curvatura descubriunos unha enorme cúpula, a da catedral, como se dunha arquitectura artificiosa quixeran sacralizar naquel portentoso monte. Unha imaxe maxestuosa que codifica memoria. Quizais a mesma que a Crecente Vega lle impresionou e lle fixo compoñer este poema tan rotundo e tan sorprendente dedicado á catedral de Segovia: Cara al cielo, gallardo y atrevido/ humo de gloria vigoroso y tierno/ canta la catedral al Dios eterno/ en lo alto de la acrópolis erguida.

Nesa alta acrópole, custodiada polo río Eresma que cicelou, sonoro e acuático, robustos cantís onde o tempo ido deixou as súas dádivas e os romanos construíron o seu berce e o seu acueduto, onde Por encima corre el agua y por debajo el vino, no dicir de Lope de Vega.

Martes 09.01.2007