Parabéns, Pepe de Requeixo 08-04-2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Chégame unha grata noticia: Xosé Méndez (Pepe de Requeixo) elixido presidente do Centro Galego de Barcelona. Noticia sen preámbulos, provócame reflexión sobre o home e a entidade que agora preside. Non é fácil para min, que coñezo a persoa e a sociedade que representa, facerlles unha valoración moi distinta. O Pepe (natural da parroquia de Requeixo, Chantada) é un dos miles de taxistas de Barcelona que ten un perfil intelectual e unha paixón cívica e social orientada cara ó seu país: Galiza. Isto constata un traballo serio, dinámico e silencioso, realizado por el en Cataluña. Un traballo que non ten prezo, nin el lle pon prezo nin busca materia de privilexio. Fai patria, fai crítica, fai utopía, que máis se lle pode pedir a este montañés do Faro?

Pepe de Requeixo é un activo importante naqueles actos onde a súa Terra merece reverencia, defensa e loita para adubiar esperanza e certeza. A constancia deste taxista non deixa de ser unha dádiva de fraternidade para normalizar a nosa nación. A naturalidade do Pepe e o seu traballo esclarece unha nova luz entre tanta sombra. Quero dicir que a historia do Centro Galego de Barcelona tivo máis sombras que luces, por moito que se empeñen certos señores en presentarnos libros da súa historia sen pór luz á verdadeira historia destes centros cando amagaban a realidade do noso país. O Centro Galego de Barcelona foi comodín e escenario de reverencias e de dar palmadiñas nas costas a tantos inútiles mandóns do réxime franquista. Antigo cortexo de personaxes de non poucas irreverencias contra aqueles que opinaban diferente e padecían o peso das sombras franquistas. En todo este pasado abundan nomes e apelidos para esclarecer esa realidade. Porque a memoria é teimosa e ao final sempre proclama esclarecementos.

Hai dous panexíricos de laudatoria que son: Centro Galego de Barcelona (80 anos de historia 1923-2003) que incorre na ritual invocación dos seus presidentes. Cando un confronta o que le e a realidade, véñenme á memoria socios que manifestaron posturas coherentes polo ben de Galiza e foron silenciados. O bo que teñen estes dous libros son as fotografías que son a única testemuña que revela, pola súa estética, un tempo fusco e alterado de historias xa superadas pola cidadanía deste país.

O segundo libro que apareceu neste ano, da autoría de Manoel Carrete Rivera, en catalán, reducindo a segunda e diminuída categoría o galego, titúlase: Máis que nós, ninguén. Parece que resucitan os fantasmas do pasado, o triunfalismo dos que nunca se dan superado. Imaxine o lector que un daqueles nosos emigrantes e derrotados pola situación social e económica que padeceu Galiza, coa súa maleta de madeira e atada con cordas comezara a berrar: "Máis que nós, ninguén!", desataría a competencia de psicólogos, psiquiatras, sociólogos e, quizais, antropólogos para verificar a nova especie esquizoide. Parafernalias á parte, estes dous libros non resolven a cuestión principal e sociolóxica da emigración galega e os seus conflitos.

O perfil do Centro Galego de Barcelona non era diferente a outros dominados e domesticados por persoas aduladoras do franquismo e, tamén, no pos franquismo. Celso Emilio Ferreiro, na súa Viaxe ao País dos Ananos, resolveu estes dilemas ao sinalar: "Probe de min. A terra prometida,/ a Galicia emigrada que eu buscaba,/ era somente un pozo de residuos,/ unha corte de ovellas resiñadas:/ emporio de logreiros,/ caverna de usureiros,/ buraco de tendeiros,/ guarida de compadres basureiros. (...) Galicia xaz eiquí morta de anguria,/ crucificada en sombras, sepultada/ baixo as nádegas porcas dos badocos."

Pepe de Requeixo, parabéns. Como sempre, ti estarás á altura das circunstancias. Outra cousa é que te comprendan.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras