Protexer a fauna 06.05.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Digamos que nos últimos quince anos a fauna galega ten sido estudada minuciosamente e disto dan testemuña varias publicacións exhaustivas e de interese por coñecer as diversas especies que poboan as nosas xeografías. Moitas destas publicacións ofrecen un plan pedagóxico e divulgativo. Mais o problema é que aínda a depredación existe en alta intensidade e isto fainos pensar que moitas desas especies corren o perigo de ser exterminadas, moitas veces por caprichos e divertimentos. Mostra diso é a caza indiscriminada do raposo, o envelenamento e os trebellos que se poñen a moitas máis especies.

Para frear esta degradación é preciso informar e educar o cidadán en moi diversos foros. É fundamental a convivencia harmónica do home co seu propio ecosistema. É aquí onde se fundamenta o equilibrio para que a biodiversidade non careza de unidades formativas de conservación. O que falta en Galiza é a proxección de espazos e reserva onde os mamíferos e as aves cumpran a súa función dentro da cadea biolóxica. Mais os procesos de reprodución e de sustentabilidade precisan de comunidades e hábitats naturais de protección que sexan eficaces para que esas colonias tradicionais non soporten as graves e irracionais alteracións producidas polo home. Neste sentido, é preciso contribuír a apoiar a conservación de especies en espazos tradicionais que agora están sendo depredados.

Garantir eses espazos é unha cuestión de todos, máis aínda das administracións públicas que son as que teñen poder económico para realizar investimentos na protección e asegurar que a nosa fauna teña continuidade en moi diversos espazos naturais de Galiza. Dicía Gandhi: "A grandeza dunha nación pode ser xulgada pola maneira en que son tratados os seus animais". Para que isto sexa efectivo cómpre un cambio de ética e, así, postular por un comportamento eficaz.

Sabemos que en Galiza pasan por un grave transo moitas das especies da nosa fauna e os obxectivos que podía frear esta irreparábel desfeita non se programaron para poñelos en práctica e obter unha rendibilidade equilibrada. Manter a diversidade de animais ameazados a extinguirse clama a unha reflexión. Se a caza indiscriminada promoveu que certas especies estean ao bordo da súa desaparición, agora o problema intensifícase coa perda de espazos naturais. Os desmontes, a deforestación, os incendios e o intrusismo do home, laceran calquera intento de sustantibilidade de especies, como é o caso do Courel ou doutos casos que se dan no frontal marítimo.

Admitindo todas estas controversias polas que pasa a nosa fauna, é posíbel aínda o rigor e a sensibilidade por salvala ou medianamente tomar conciencia de que si desaparece boa parte dela, co noso permisismo e indiferenza, estaremos culminando tal gravidade na cadea biolóxica de dependencia duns seres de outros, que a mediano prazo nos resultaría fatal.

Aínda é posíbel reverter este cadro depredador e posibilitar un cambio integrador para conservar especies e espazos. Cultivar e extremar a protección daqueles refuxios sedentarios ou de tránsito de animais pasa por concrecións sinxelas con vontade de supervivencia. E isto non terá éxito mentres non haxa unha percepción e, sobre todo, un sentimento de necesidade por protexer esas reservas agredidas. Nesta dirección son os concellos os primeiros que tiñan que organizar estudos de seguimento do que pasa coa fauna na súa demarcación municipal. Este sería un paso importante por parte dunha administración que ten nas súas mans todo un ente xeográfico e natural de primeira orde para establecer vínculos informativos. Mais para isto é preciso que a administración autonómica propague unha serie de tecnoloxías actas para normalizar a fauna en seus espazos naturais.