Vergoña colectiva 03.03.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
No momento en que escribo estas liñas aínda non sei os resultados electorais das autonómicas galegas 2009. Mais reflexiono sobre un asunto inédito e de retroceso democrático que esta campaña electoral connotou. Unha vergoña colectiva da que temos que facer varios considerandos. Sobre todo desas condutas inadmisíbeis que se apoderaron do que tiña que ser unha campaña limpa e con debates sobre ideas e non intentar degolar o adversario político. O PP utilizou o estrume máis indecente que se pode introducir nunha campaña electoral: a violencia verbal, o insulto cruel, a infamia vil que non deixa de ser un ataque frontal contra a cidadanía que practica unha ética democrática, que é coidadosa coas opinións dos demais e con frecuencia apela a un debate non pestilente.

 
Nesta campaña houbo un tufo a conservar o pasado negativo para unha sociedade como a galega, que soportou o peso de tantas negras sombras e de tantas noites de pedra. Esa campaña feita á medida polos militantes máis extremosos do PP, revela cobiza e defensa de intereses de clase que os máis radicais lideran. Hai moito que perder e razóns obxectivas para que se aferren a algo que se lles podía ir das mans. O PP amosa pavor ante o significado de que Galiza continúe gobernada por outros que non sexan eles. A dereita pretende obsesivamente mostrar que Galiza é unha parcela, unha illa, na que teñen dereito de pernada e de ningunha maneira eles son substituíbeis. A rancia práctica de manter ese poder omnímodo, con frecuencia, expresa que estamos ante unha pirámide de conivencia entre caciques, subcaciques e lumpecaciques cuxo obxectivo é disparar a todos aqueles que apelan a un progreso para construír un país emerxente. E nisto está a desfeita, o agravio e o todo vale, empregando insidias contra os que manifestan avances e estabilidade de país.

O escenario que escolleu o PP, para testemuñar en espectáculo a súas iras e vaidades, non ten límite nin parangón. Todos eses deslices tan premeditados conmoven a persoas de bo sentido e convivencia democrática. Falta de pudor democrático e sensibilidade política asiste ao PP, que abre fenda no seu radicalismo. Non hai argumentos que xustifiquen ese inmobilismo tan devastador para un país como Galiza que aínda soporta as cicatrices do pasado. Este comportamento facía prever que nestas eleccións o PP perdería os nervios porque vía perigar os seus intereses e perder influencia nos seus feudos.

Non hai máis que ver rebulir airado e violento esa cousa caciquil que chaman José Luis Baltar. O mecenas que todo amaña con callos e viño, con golpes baixos, insultos e ocorrencias neolíticas contra os seus adversarios. Parece iso si, como toda criatura primaria, que ten bo olfacto de que algo forte se aveciña na provincia que domina. Ourense, nas últimas eleccións municipais deu un cambio drástico, que non deixa de ser un drama para Baltar e os seus acólitos. Estes precedentes fixéronlle subir a adrenalina e disparar, como un aluado, esas afrontas ós seus adversarios.

Mais non foron só insultos senón que se practicou a caza do adversario dunha maneira agresiva e violenta, atacando fisicamente un membro do BNG, no municipio ourensán de Muíños. Paco Castro foi insultado e agredido polo tenente de alcalde deste municipio. Coñezo a Paco Castro, que vive en Barcelona, unha persoa con talante moderado e extremadamente dialogante. Paco está nos medios de comunicación e para os que o coñecemos resúltanos repugnante esa agresión a unha persoa pacífica e vulnerábel por unha longa doenza que padece.

Un acto indigno, de latrina, que se suma a tantos outros que fixeron con esmerada insidia. En Galiza arriscaba moito o PP, e a campaña que realizou amosou unha crueldade histórica, para esquecer e sacar dela conclusións.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras