Autocrítica e pragmatismo 10.03.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Teremos ocasión de comparar, nestes catro anos que se aveciñan, o que a xente de Núñez Feijóo realizará fronte ás diversas estruturas que nos deixou o bipartito e, sobre todo, no que corresponde ao tecido social. É probábel que a demagoxia persista ante un electorado despolitizado e pendente do acomodaticio. Nesta situación, e dadas as convulsións polas que pasa a esquerda en Galiza, Feijóo siga o camiño de Fraga de estar dezaseis anos presidindo a Xunta. Ben sabemos como as gasta o PP administrando ese amoado de filloas que lle resulta o panorama político de Galiza, que non é outro que o dun atraso económico e de dependencia. Neste proceso, faise ben visíbel a loita de clases, entre a riqueza privada e a pobreza que se manifesta nesa continua desolación e en que boa parte da sociedade traballadora procura simples migallas nos banquetes dos empresarios. Esa dependencia tan asumida polos parias que votan á dereita terá a súa recompensa de dobre ración de migallas para que fiquen infinitamente agradecidos e, tamén, apresados ás políticas da Xunta do PP.

Mais o PP, nestas eleccións autonómicas galegas, gañou rotundamente, non dignamente, porque os insultos, as mentiras e as medias verdades sacadas de contexto corroboran a falta de sinceridade democrática. Unhas eleccións para lembrar e procesalas na historia máis fraudulenta no que toca aos ataques verbais e ao uso da mentira.

Á correlación de forzas, agora na oposición parlamentaria do Hórreo, convenlle que faga unha urxente autocrítica e deixarse asistir por un pragmatismo que afonde nas contradicións polas que pasa a sociedade galega e os seus estamentos. Minimizar esta situación polos propios dirixentes, culpando os outros, é un mal síntoma para asumir responsabilidades. Este é o caso das declaracións do Sr. Méndez Romeu, inculpando ao BNG do fracaso electoral. Neste caso, sen autocrítica e sen pragmatismo non poderán osixenar certos espazos fedentos da política galega e, sobre todo, o dos seus dirixentes.

Honra a Emilio Pérez Touriño a súa pronta dimisión e asumindo responsabilidades do fracaso electoral, aínda que non foran todas del. Isto non sucedeu con Anxo Quintana, un candidato que en dúas ocasións fracasou. Na primeira delas o BNG evitou facer unha autocrítica e todo o tapou cando se converteu nunha das claves para conformar o Bipartito de 2005. Neste sentido, o BNG ten moito que dicir e, sobre todo, moito que debater e escoitar os seus afiliados e tamén aos miles de simpatizantes que sosteñen o número de votos. Aprazar o debate, nunha cuestión tan seria e prioritaria, será como ignorar a quen os vota e a quen os apoia directa e indirectamente. Neste sentido non teñen por que rodar cabezas ou converter ao Sr. Quintana en reo da situación. Coidamos que a responsabilidade non é exclusiva dunha persoa, senón que depende, prioritariamente dos dirixentes que conforman a Dirección Nacional do Bloque. E neste ámbito, son precisas novas persoas, novas ideas e maneiras de entender o país. De cambiar a política dos despachos pola de percorrer as diversas xeografías galegas e de conectar cos problemas que teñen as persoas no día a día e servir de ponte para solucionalos. Aquí radica a estratexia para provocar cambios cualitativos e estruturais na política nacionalista do BNG.

O nacionalismo galego, máis que necesario é imprescindíbel e ten moito que dicir no eido de perspectivas de nación a construír e como elemento unificador de clase. O BNG ten que normalizar estas palabras: colonialismo, autodeterminación e independencia. Galiza ten agora a ocasión de tomar conciencia das políticas que as consellerías do BNG fixeron execución de proxectos reais e obxectivos, fronte ás posturas demagóxicas e inmobilistas que se aveciñan.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras