Sargadelos pecha a librería de Barcelona 24.03.2009
ECOS DA BERENGUELA -
XOSÉ LOIS GARCÍA
Un problema que vén dado polas obras temporais, debido á perforación do carrer Provença, por onde pasará o AVE, e que afecta a varios locais da zona entre eles o da librería Sargadelos. Moitos sospeitamos que este peche o aproveite a empresa ceramista como un primeiro paso para desentenderse dos libros, servíndolle de experiencia para continuar pechando outras máis.
Esta anormalidade pode que nos leve a varias lecturas. Non é normal que esta librería cunha clientela fixa e consolidada de usuarios como os que proveñen do Departamento de Filoloxía de Galego e Portugués da Universidade de Barcelona e, tamén, da Universidade Autónoma e doutros centros pedagóxicos da Cidade Condal, se lles deixe ao descuberto. A estes usuarios temos que sumarlles os vellos clientes da comunidade galega en Cataluña e non poucos cataláns que se interesan pola nosa cultura e literatura.
Os señores de Sargadelos, con esta reprobada actitude, fraco favor lle fan á nosa cultura. O silencio forma parte de moitas complicidades na desfeitas da nosa identidade e, até agora, Sargadelos forneceu esa cultura e divulgouna por medio deses espazos dedicados a libros. Parece ser que a dialéctica do diñeiro e do todo vale é o novo lema dos señores de Sargadelos. Unha cousa e renovar e outra liquidar. Así que o tema do Ave é aproveitado, neste caso, para deixar ao descuberto numerosísimos clientes. A tenda de Sargadelos de Barcelona, inaugurada en 1973, con trinta e seis anos de servizo divulgativo dos nosos libros, é un referente vivo nese encontro coa cerámica, coas exposicións temporais e mais coa nosa cultura, a través dos libros en Barcelona. Un espazo con máis encontros que desencontros fica anulado. Agardamos que os señores do silencio teñan sentido común para reorganizar o traslado e conferir un novo espazo activo que teña continuidade. O grupo Sargadelos debe rehabilitar, sen demoras, ese espazo baleiro que ten na tenda de cerámica para normalizar unha situación incómoda que leva meses sen recibir novidades editoriais.
Agardamos que as sospeitas que temos moitos, na maneira en que se realizou este peche, obedeza máis a unha mala orientación ou a unha preguiza dos que mandan e dirixen esta empresa, que a unha xogada de aproveitar as anomalías que proceden das obras ferroviarias do AVE, que obrigaron a pechar o local por problemas de seguridade, para pechar definitivamente o local de venda de libros. Por outra banda, a librería de Sargadelos en Barcelona nunca tivo crises de venda de libros, porque nunca tivo competencia.