logo opinionA Semana Tráxica de 1909 - 28.04.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA
No corrente ano, Cataluña celebra o centenario da chamada Semana Tráxica. Aquela Barcelona cívica e anarquista, tan sintonizada nos ámbitos proletarios, decidiu non enviar ás guerras de África a seus quintos. As clases máis pobres do proletariado e campesiñado catalán eran os que compoñían aquela soldadesca de combate en territorio africano, tradicionalmente, como moi ben se describen en varios cadros de Marià Fortuny. A quintada, procedente destes ámbitos, era escollida para ser como carne de canón e en defensa de intereses alleos.

Naquela ocasión, púxose a proba a vella estirpe de cataláns da Barcelona sempre independente e activa, solidaria e emancipadora. A das tradicións dos motíns do pan, contra os poderosos negociantes que artillaban prezos e violentaban ao pobo a erguerse, a toque de campá, contra os defraudadores. A Barcelona xusticeira e das xustas liortas, sempre ergueita contra as confusións e oprobios que viñan do reino de Castela e de seus representantes, os virreis.

 A Guerra dels Segadors de 1640, contra Filipe IV e o seu valido, o Conde de Olivares, convocou os barceloneses a defender a patria común; a fala común e a identidade común. Aqueles homes de xornada de sol a sol, con fouce en man, non dubidaron en erguerse e tomar as rúas daquela Barcelona amurallada nas solemnidades de Corpus Christi, máis coñecido como Corpus de Sang, tan ben inmortalizado nun cadro do pintor Antoni Estruch. A Barcelona estamentaria e unánime que naquel Corpus de sangue decidíase a convocar ruptura co poderoso e colonialista reino de Castela.

 Barcelona foi o celme e o corazón da defensa do antigo Principat de Cataluña. O fervor de resistencia o practicaron seus cidadáns, naquela inmensa e sanguinaria proba do 11 de Setembro de 1714, onde miles de resistentes barceloneses foron pasados a pólvora e baoneta. Invulnerábel presenza de todas as clases sociais implicadas en defensa da cidade e das antigas liberdades de Cataluña. Aquela expresión de combate manifesta a máxima itinerancia das loitas dunha poboación que nunca sucumbiu ás traxedias.

 Polo tanto, a Semana Tráxica de 1909 bebeu daquela vella tradición combativa contra as inxustizas que proviñan doutras esferas e doutras xeografías alleas a Cataluña. Os poderes despóticos alfonsinos, con seus mecenas os Maura e os Romanones, etc., xogando coas vidas maltreitas dos asalariados, para envialos a guerras inxustas. En Cataluña había o precedente da guerra de Cuba, onde centos de soldados cataláns deixaron a vida. O insulto á razón e á paz desbordou a aquela Barcelona proletaria, identificada coa prédica e o combate anarquista e outras tendencias socializantes.


As barricadas da Semana Tráxica serviron de bastión e aprendizaxe para outras xeracións como a de 1936 que foi capaz de parar o golpe de Estado na capital catalá, creando as mesmas barricadas e parapetos como eran as mulas mortas. A Semana Tráxica foi capaz de crear un novo pensamento anarquista e socialista, un combate de ideas e de tácticas. Aqueles feitos provocaron cambios éticos e estéticos no proletariado de Cataluña e activaron todo un dispositivo de cambio, incluso no nacionalismo e na modernidade expresiva das letras e das artes que tanto diferenciaron a Cataluña doutras expresións paralelas. Atinxindo aos cadros de Isidre Nonell, que os protagonizan xitanos do Raval e a proletarios do Poble Nou, a toda esa continxencia proletaria barcelonesa, infunde o valor dos pobres que crean o sustento dos ricos. Ou certos cadros como A carga (1902), da autoría de Ramón Casas, onde a garda civil reprime o proletariado. Iconas imprescindíbeis para valorar a Barcelona de principios do século XX. Polo tanto, a Semana Tráxica témola que entender dentro dun marco de solidariedade entre os pobres de Barcelona que tentaron romper as súas cadeas e articular mudanzas sociais.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía