logo opinionO europeísmo de Ana Miranda 02.06.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Ana Miranda sabe que Galiza ten cabida en Europa, e moitos galegos aledámonos de que ela nos represente nun Parlamento mudo e xordo ante os problemas que ten Galiza, onde os representantes dos grandes partidos estatais atenden a outras formulacións nas que Galiza é a grande ausente. Quen coñeza o ímpeto e a sensibilidade que Ana Miranda ten por erradicar problemas puntuais que agudizan a nosa economía e a nosa idiosincrasia, non vai dubidar en aportar o seu voto.

 

Ana Miranda, filla de emigrantes en Europa, soubo compenetrar e entender o noso país, até o punto de asumir un compromiso fiel e irrevogábel con el. Ana Miranda coñece moi ben o tecido administrativo e burocrático da Comunidade Económica Europea. Desde os tempos de Camilo Nogueira, como eurodeputado do BNG, Ana estivo aí, puntualmente, acomodando aprendizaxe e coñecendo a Eurocámara, detectando a ausencia do noso país. Todos sabemos da súa insistencia en manifestar os nosos problemas mentres outros os acubillan.

 

Nese escenario en que Galiza é silenciada e cada vez é mais vulnerábel fronte á enorme crise que están padecendo varios sectores punta da economía galega, como son o sector agrario, no que o leite está sendo devalado, provocando unha enorme desfeita en miles de labregos. O mesmo acontece co sector pesqueiro, co naval; sendo hai anos a segunda potencia do mundo está nun estadio de depredación, amén desas políticas cosmopolitas, amañadas desde outras esferas administrativas que en nada toman en conta os factores prioritarios en que se debe basear a nosa produción. Por iso, necesitamos unha voz en Europa que defenda os nosos intereses, que esgrima con puntualidade esa vocación de saír do caos sistemático en que os alleos pretenden que Galiza continúe na desmedida dos tempos. A actual crise de superprodución está devorando, sistematicamente, postos de traballo en moitas das empresas mentres os galegos teñen que procurar salario noutras latitudes.

 

Nesta situación, os galegos debemos colocar no Parlamento europeo a voz peculiar e insubornábel de Ana Miranda, que representa o BNG e este vai con outros partidos que compoñen a coalición, Europa dos Pobos-Verdes. E nisto, tamén radica a defensa da nosa identidade nacional, que actualmente corre un risco fronte á depredación institucional que a actual Xunta do PP, está a pór todos os atrancos posíbeis para devalar o noso idioma; poñelo mais indefenso ante a desproporcionada maquinaria coa que tentan que sexa unha peza de museo. Neste sentido, Ana Miranda coñece puntualmente estes graves problemas conxunturais, e coñece as entretelas da Eurocámara, para darlle prioridade a un volume de materias que repercuten a Galiza e que están nos puntos fracos da regresión económica e dos valores da nosa diversidade. Por iso temos que tecer un lugar no Parlamento europeo, no que xurdan propostas e denuncias puntuais e isto pódeo facer unha voz que non se inhibe das cuestións que non se poden seguir adiando. Neste sentido, Ana Miranda ten unha longa experiencia en Bruxelas, froito da súa aprendizaxe na Eurocámara e isto posibilita descarnar unha serie de cuestións acazapadas na caixa do esquecemento.


Quen coñeza a Ana Miranda, sabe ben que ela non defrauda, pola súa vitalidade e polo esforzo do día a día; sempre puntual no que toca defender a Galiza. A súa forza intelectual e o seu respiro transparente transloce en chamarlles ás cousas polo que son e polo valor que teñen. Ana Miranda ten ese don que escasamente produce a nosa Terra: a palabra fértil e evocadora do que Galiza sustenta, do que Galiza irradia. Ana Miranda é un valor a conservar e mimar. Nela hai experiencia e xuventude, pragmatismo e humildade, o mellor portento para consolidar conciencia e amor a Galiza.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía