Novoneyra e a lingua galega   16.06.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Uxío Novoneyra, alén de como poeta, entronizouse noutros mesteres singulares como foi a caligrafía, a gravura e os seus escritos sobre a lingua galega, que aínda continúan inéditos. E neste apartado aínda nos fica por descubrir a verdadeira vocación que Novoneyra tiña con respecto do noso idioma. Ademais de utilizalo, escribilo e de estar virado na súa defensa, avaliouno a través dunha serie de artigos inéditos e discursos ocasionais nos que o idioma ferido de Galiza foi evocado e exaltado cunha proxección pragmática.

 A base que destingue ese espírito novoneyriano, en toda a súa dimensión, é o idioma. A fala -como el lle chamaba e definía- fixo dela o maior portento para que o pasado fortaleza o presente e dinamice futuros nesas mil primaveras cunqueirianas. E nesta pretensión sen excesos, estivo Novoneyra practicando a lingua orixinal sen renuncia, por respecto a todo un país que non esqueceu a súa fala. Por iso é que a fala que falamos está nese itinerario posíbel que cruza todas as xeografías de Galiza. E nesa horizontalidade, Uxío Novoneyra interrogouse, interrogounos: "Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas?" E resumiu: "Non, a forza do noso amor non pode ser inú- til". A coherencia dun pensamento lucido, coma o do poeta do Courel, fainos meditar sobre a terra asoballada; a lingua asoballada, que a forza e a persistencia dese amor popular por todo o que é noso, confirma en Novoneyra un dos seus grandes defensores.

 

Imaxino a Uxío polas rúas de Compostela na manifestación en defensa da lingua do pasado 17 de maio. Imaxino a Uxío coa súa voz rexa e crepuscular afastando as tebras da imposición dos que negan, manipulan e adulteran o noso idioma desde as institucións da actual Xunta de Galicia. De contado, estariamos vendo a Uxío Novoneyra a elevar a súa protesta e a facer a súa proposta incondicional, de que o idioma en calquera circunstancia é innegociábel facer postulados sobre el.

 

O noso poeta soubo captar moi ben as ameazas e os barullos que se fixeron contra a fala que falamos, e durante os longos anos como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), os seus discursos de clausura nos eventos de Galeuzca, sempre foron orientados a evocar a lingua. Unha prédica moi puntual en defender a nosa identidade, cuxo atributo máis forte é o idioma. Cando toda esa escrita que Novoneyra nos deixou como folla de ruta de vencer barreiras coa arma da lingua, para reafirmala, potenciala, defendela; estaremos vendo o pragmatismo dun cultivador que reflexionou sobre os extremos que compete aos galegos amparar o "pasado para que continúe o futuro".

 

Cantas veces lles oín dicir a Novoneyra e a Manuel María que os poetas galegos sempre cantaron, expresaron e incidiron nas cousas que se perden en Galiza. Eles tiñan aprendida a lección e insistiron en protexela ante tantas ofensivas. Novoneyra apresurouse a ser puntual, a facer os seus deberes coa lingua materna e deixar constancia neses escritos de tanta transcendencia. Nesa lectura, que moitos galeuzcanos escoitaron, está a prevención e a defensa da fala orixinal do noso país, desde unha orientación ao debate e outras veces cara a conceptos metafísicos.

 

Coido que o Novoneyra empírico que coñecemos por medio da súa poética, fáltanos coñecelo na outra gran vertente deses ensaios, incidindo en varios procesos polos que pasou o noso idioma en variados cambios sociais que, moitas veces, os seus protagonistas non estiveron á altura de defendelo e proclamalo en cada momento de declive. Nesas eventualidades, vemos en Novoneyra toda esa estirpe labrega facendo uso da fala e transmitindo o que se fala. A labregancia resistindo ante tantos avatares e infortunios, mais a voz dos "tesos cumes" continúa bramando.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras