Benvida, Hortensia Peleteiro 07.07.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A primeira vez que eu fun convidado a Cuba polo Ministerio de Cultura, o viceministro, Luis Felipe Vázquez, fillo e neto de emigrantes galegos, dispuxo dunha das súas secretarias, Hortensia Peleteiro, de orixe galega, para que programase a miña estadía. Peleteiro é unha muller sinxela, simple, delicada e fráxil, mais cun poder de decisión e de xestión enorme e impagábel.

 

Hortensia preparoume todo o protocolo de contactos e accesos a moitas instancias da cultura, das artes e do poder. Durante nove anos ela levou esa loxística e posibilitoume entrar de cheo en contacto cos intelectuais máis representativos de Cuba; cos pintores máis determinantes da modernidade cubana; con músicos e compositores; con dramaturgos e actores; cos museos onde recibín trato especial grazas a esta muller "pequena de corpo e grande de esforzo". Ela levoume até o mesmísimo Fidel Castro, nun acto cultural na Cabaña, que fotografei.

 

Durante eses nove anos da miña presenza en Cuba, a Peleteiro l­evoume a Expo Cuba, a falar dos poemas do Che, de Martí, da emigración galega en Cuba. Nese lugar falei para os dirixentes sobre marxismo, nacionalismo e do combate de ideas. Fixo que o Centro Galego da Habana organizase un evento cada ano para que eu falase de varios temas relacionados con Galiza.

 

Ao pasar pola praza Central, onde está situado o pazo do Centro Galego, parábase emocionada para subliñar: "Mira nuestros emigrantes, nuestros ancestros que salieron de allá analfabetos y fueron capaces de hacer. Este palacio de los gallegos es el orgullo de todos los cubanos". Presentín, nesas palabras, que os xenes galegos tiraban e se agrandaban en Hortensia Peleteiro, voando co seu pensamento en Galiza que ela descoñecía e que tantas veces oíu falar dela a seus pais. Das penurias de seus proxenitores e do esforzo que tiveron que facer en Cuba por estudar os seus tres fillos a conta dun pequeno negocio familiar. Hortensia usufrutuou aquel esforzo dos seus pais emigrantes. Talvez tiveron que afrontar outra loita coa vida e tirar adiante coa pretensión de gozar dunha vida cómoda que nunca chegou.

 

A miña secretaria en Cuba -como ela gusta que lle chame- impresionoume tantas veces cando o seu sentimento dominaba as súas palabras para falar e falar daquela Galiza que lle transmitiron seus pais. Había moitas razóns para que ela puidese sinalar o encontro con certas pautas que a Galiza emigrante en Cuba non perdeu. Hortensia é da estirpe dos Peleteiro de Pontevedra. Neta de Manuel Peleteiro, cuxo nome está nun Instituto de Santiago de Compostela. Un pedagogo que axudou en varias vilas pontevedresas a combater o analfabetismo, dando clases nocturnas e gratuítas. Ese xesto filantrópico, herdado por Hortensia, amplía a súa xenerosidade e o seu humanismo.

 

Esa enorme saudade que rebuliu constantemente no seu ser galego, de coñecer a patria dos seus antepasados; de ollar e trepar eses camiños por onde os seus transitaron, foi algo ao que sempre aspirou. Non deixou de intentar o encontro con seus parentes pontevedreses. Mantivo unha loita desesperada por conseguir esa realidade. Primeiro logrou o pasaporte español e de contado conseguiu cruzar o charco. Hai poucos días que Hortensia me enviou o seguinte correo: "Ya estoy en Vigo, la emoción fue muy grande al ver a mi primo idéntico a mi padre, Galicia es la tierra más hermosa que ojos humanos han visto. Ya puedo marchar de este mundo, pues logré mi sueño anhelado. Llama a mi casa y a mi hermano por favor. Besos".

 

A identidade galega perdida é recobrada por un sentimento que anhelaba encontrarse coa patria dos seus. O impacto con Galiza e co seu parente, Juan Manuel Peleteiro, "idéntico a mi padre", recobra o tempo perdido e comeza unha nova andaina pola terra da xenerosidade.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras