logo opinionOs desvaríos no Día da Patria Galega 28.07.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Un inventario de despropósitos delimitan o Día da Patria Galega, no sentido político máis estrito. É notorio que Núñez Feijóo vai de parida en parida mais o seu perfil de demagogo perfecto e a boa dilixencia para filtrar as súas hipocrisías para un pobo que sabe moito de chapuzas políticas e moi pouco, ou case nada, do tacto terxiversador e do emboube do PP. A demagoxia e a hipocrisía son a ferramenta máis axeitada para dilapidar o esencial de Galiza para os que pouco saben dos seus problemas mais que son os incondicionais no momento de depositar o voto errante e errado. Para o aparato do PP, o máis importante é cociñar con diversas mesturas de ingredientes, para que o amoado electoral xurda a efecto e teña un sabor a manxar democrático. Así é como o condimento fica a gusto de moitos.

 

Feijóo e seus ávidos asesores encandilaron o tema pola tanxente e ocorréuselles levar flores brancas e violetas ao mesmísimo Castelao. D. Alberto ficou en vertical, igualiño a unha efixie de Petra, como quen lle entrega flores a María Santísima. Con mais fotógrafos que persoal do PP. Mais iso non importa a foto é o parabéllum mediático, o lobby para chegar a outra galaxia. Iso si, diante do sartego de Castelao estaba María Seoane, de Novas Xeracións e con boas amizades na FAES, co seu corpo olímpico e con dobregados matices para exaltar a ocasión. Que o mesmo Castelao lle faría un debuxo para a súa colección de señoriñas mikis-mikis. Mais o perfil de María Seoane é a dunha poeta frustrada; unha come versos que a indixestaron e diagnosticáronlle medicina do Partido Popular.

 

A chocallada de D. Alberto é tan simplista que lle pasa igual que o corvo que se disfrazaba con plumaxe de rousinol para aparentar ser mais belo, pero sempre lle resplandecía a súa negrura. Xogar ao despiste sempre lle deu éxitos ao PP e desventuras ao noso país. Castelao está no dicir en van de Núñez Feijóo. Castelao non é un deus pero tampouco é a presa para que o invoquen determinados e detestados políticos.

 

Non digan que o presidente da Xunta non é un todoterreo. O día 24 glorificando a Castelao e a Galiza; o día 25 santificando o apóstolo Santiago e a falar da patria española e de españolismo de cazola. Iso é estar á altura, a velas vir; ter un ollo en vertical e outro controlando o horizonte.

 

Os socialistas foron cumprir co seu rito anual a Rianxo e a falar do Estatuto autonómico, como prioridade. Así van as ideas políticas en desfigurar a realidade do que pasa actualmente cunha serie de cousas tan puntuais e prioritarias que está desmantelando o triunvirato composto por Núñez Feijóo, Jesús Vázquez e Roberto Varela. Ante cousas tan graves acórreselles falar de temas estatutarios, non do que se nega, usurpa e dilapida.


Polo que se percibe do discurso nacionalista de Guillerme Vázquez, aclara cousas pero aínda esta metido nese foxo sen saber como saír. E as saídas sempre as hai que facer con ímpeto colectivo e con ideas que xurdan dun debate que clarifique un novo camiño despois da desfeita. Lin con atención o discurso patriótico de Guillerme Vázquez e o que escribiu en prensa: "Que a maioría dos galegos e das galegas comparten co nacionalismo a idea de que Galiza debe ser un país máis libre e debe xogar outro papel no Estado, en Europa e no mundo". Todo ben. Mais a aritmética electoral de marzo e xuño, non confirma que esa maioría estea a favor das teses do Bloque. En troques, coido moi pragmático o discurso de Teresa Táboas, cando emerxe dunha serie de realidades e de problemáticas que o goberno do PP está agravando e outras estaas resucitando como é a ambición de demoler a nosa lingua. A pancarta de cabeceira da manifestación clarificaba: "Se aínda somos galegos é por obra do idioma". Castelao.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía