logo opinion"No colo da lua" 11.08.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Un poemario para non esquecer no inventario da poesía lusófona actual é No colo da lua, de Sónia Sultuane (Maputo, 1971) que irrompe na poesía mozambicana dunha maneira torrencial no que respecta á innovación estilística e, tamén, a unha incursión soberana no que fai a un rexistro que se alonxa de poéticas anteriores. Nesta dirección, estamos ante unha poeta que rompe cos estilos, cos dramas e cos tópicos que até agora circundaban a poesía de Mozambique. Rompe con estadios recentemente superados mais non coa tradición da poesía do seu país. Unha poesía moi nova, que o primeiro poemario se publicou en 1943, da autoría de Rui de Noronha (1909-1942). A partir deste autor os poetas de Mozambique sobresaíron con forza e orixinalidade cuantitativa e cualitativa nas súas creacións, superando aquel enorme baleiro de ausencia poética e superando a moitos dos países africanos de expresión portuguesa.

 

A integración da muller na poesía mozambicana, no proceso preindependencia, está avalado por voces femininas como a de Noémia de Sousa, a enorme autora que señoreou un estilo propio baseado na negritude e no existencialismo do pobo mozambicano. Na loita de Liberación Nacional e no período da loita armada, houbo unha morea de mulleres que esgrimiron a caneta e a metralleta. Dúas armas de combate ben oportunas aínda que desiguais. Mulleres que participaron na guerrilla e que foron poetas ocasionais nese combate utilizando a palabra sinxela e popular como arma de liberación.

 

As transcendencias do pasado están sendo superadas -non derrotadas nin esquecidas- por poéticas xurdidas dunha nova etapa que comezou despois da independencia de Mozambique. E nesta nova xeira atopamos a Sónia Sultuane, que ademais de innovar a poesía está innovando as artes plásticas mozambicanas. Coa creación de Sultuane podemos dicir que se abre un novo período e un excelente certame para a destinguida poética do seu país.

Na situación actual de África é interesante levar acabo unha tentativa na poética erótica, protagonizando a liberdade do corpo resplandecido e honrado no sexo. A Sónia Sultuane non lle resulta fácil por tres conceptos ben localizados e requiridos: por ser de relixión musulmana, ser mestiza: negra-indú e protagonizar ese tipo de poética e tamén de pintura. Mais no caso que nos ocupa as referencias que coroan a súa creatividade non deixan de ser sobresaíntes para a nova emerxencia da poesía mozambicana e para abrir novas canles nese enorme proxecto que ela busca para a lírica do seu país.

Sónia Sultuane é unha intelectual lexíbel en todo África; contestataria e cun interese marcante e con resultados óptimos encanto a superación de libro a libro e de conceptos. Estamos ante unha poeta que marca espazo e tempo para que esa enorme sinfonía poética sonorice e dimensione os diversos panoramas en que se encontra a actual poesía mozambicana.

No colo da lua, no seu inicial e en forma de prólogo, a súa autora fainos unha confesión que nos coloca no mesmo centro da metafísica poética que ela constrúe, ao sinalar: "Embriagam-me os poeta invisíveis e imaginários/ que me habitam quando durmo,// levito na sala do pensamento amassado,/ as palavras dançam apressadas,/ bebo o gosto dos versos adocicados,/ nos meus lábios ainda guardo o gosto/ do café amargo o último trago do cachimbo/ do poeta desconhecido que me embalou,// na escuridão encontro a luz do arco-íris/ para desenhar os poemas partilhados pelo cordão umbilical".

Canta puntualidade nos ofrece como introdución ao corpus poético que o lector vai descubrir, unha serie de conceptos que afastan os pre conceptos en materia erótica. E este paso que Sónia Sultuane deu nesa aspiración de ser mais libre e de facernos libres, en todo o que encarna a súa poesía..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía