Alexandre Bóveda, restaurador da Nación - 18.08.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

O profesor David Otero, autor do libro: Alexandre Bóveda. Na demanda de restauración (Laiovento), implícase nun dos ensaios máis interesantes dos que se teñen escrito até agora sobre o mártir Alexandre Bóveda (1903-1936), asasinado polos falanxistas o 17 de agosto nos comezos da Guerra Civil. O masacre ou o xenocidio que os falanxistas levaron a cabo naquel mes de agosto de 1936, tivo consecuencias alarmantes na sociedade galega. Centos de anarquistas, comunistas, socialistas, galeguistas e católicos progresistas foron asasinados, sen aínda contar miles de represaliados por falsas e interesadas denuncias. Miles de nomes que figuran no anonimato. Figuras senlleiras do galeguismo como Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño expresan esa selectividade que os fascistas realizaron aquela devastación asasina que tivo que soportar aquela Galiza Martir coa presenza arrasadora de Atila en Galiza. Pois naquel mes de agosto do trinta e seis imponse a Negra Sombra e comeza a Longa noite de pedra.

 

En Galiza comézase a ver doutra maneira esas cunetas onde os nosos mártires foron paseados e asasinados. As cunetas galegas comezan a ser patrimonio noso, nas que durante corenta anos triunfou o silencio imposto. Agora imponse a memoria e a dignidade dos que tiveron a voz rexa contra o totalitarismo e a forza bruta. A lembranza, en palabra ergueita, é sempre a precisión invulnerábel de manter viva a memoria dos homes que tiveron voz e dignidade para facer nación e traballar pola xustiza social en favor daqueles que se lles negaba.

 

Alexandre Bóveda. Na demanda de restauración é un libro de ensaios sobre o mártir ourensán asasinado nos albores da traxedia incivil. Unha ducia de capítulos marcan a traxectoria máis limpa e interesante de Bóveda que David Otero teceu. Un ensaio que evita o anecdotario e confirma unha investigación puntual, sobre unha personalidade tamén puntual na defensa de Galiza. Alexandre Bóveda non foi un home silencioso como algúns pretenden que fora, ou que estivera á sombra de homes como Otero Pedrayo e de Risco, na dirección do Partido Galeguista de Ourense. Alexandre Bóveda foi o que o Partido Galeguista quixo que fora, a persoa idónea para concretar o restauro da Nación galega. Aí estivo puntualmente Bóveda, recompoñendo unha serie de temas a nivel administrativo e, sobre todo, de facenda que se engadiron no Estatuto Autonómico de Galiza plebiscitado o 28 de xuño de 1936. Alexandre Bóveda foi o artífice de toda unha nomenclatura estatutaria, como o ten lembrado Castelao en moi diversas ocasións. No Sempre en Galiza, Castelao subliña a presenza silenciosa de Bóveda -nunca silenciada- naqueles asuntos que conviñan a Galiza. A dereita reaccionaria do Trienio Negro da II República, sabía ben dos valores que representaba Alexandre Bóveda xuntamente con Castelao, cando os desterrou a Cádiz e Badaxoz, respectivamente.


Nesta dirección, o subtítulo que David Otero pon a este libro, é correcto e orientador cara á personalidade de Bóveda como restaurador da nosa identidade nacional. Otero busca e rebusca precedentes para que a personalidade política de Bóveda emerxa noutra dimensión do que se ten alleado ou non descuberto noutras incursións anteriores que se teñen realizado ao redor de Alexandre Bóveda. Aí está a busca dese perfil humanista e político de Bóveda que contaba con trinta e tres anos cando foi asasinado. Unha revelación xuvenil de compromiso para imitar en calquera tempo e por calquera xeración que pretenda erradicar a marxinación de Galiza, restaurando a súa personalidade. Estamos ante un documento moi preciso e rotundamente perfilado por un dos investigadores máis destacados e unánimes como é David Otero.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras