Alexandre Bóveda, restaurador da Nación - 18.08.2009
ECOS DA BERENGUELA -
XOSÉ LOIS GARCÍA
O profesor David Otero, autor do libro: Alexandre Bóveda. Na demanda de restauración (Laiovento), implícase nun dos ensaios máis interesantes dos que se teñen escrito até agora sobre o mártir Alexandre Bóveda (1903-1936), asasinado polos falanxistas o 17 de agosto nos comezos da Guerra Civil. O masacre ou o xenocidio que os falanxistas levaron a cabo naquel mes de agosto de 1936, tivo consecuencias alarmantes na sociedade galega. Centos de anarquistas, comunistas, socialistas, galeguistas e católicos progresistas foron asasinados, sen aínda contar miles de represaliados por falsas e interesadas denuncias. Miles de nomes que figuran no anonimato. Figuras senlleiras do galeguismo como Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño expresan esa selectividade que os fascistas realizaron aquela devastación asasina que tivo que soportar aquela Galiza Martir coa presenza arrasadora de Atila en Galiza. Pois naquel mes de agosto do trinta e seis imponse a Negra Sombra e comeza a Longa noite de pedra.
Nesta dirección, o subtítulo que David Otero pon a este libro, é correcto e orientador cara á personalidade de Bóveda como restaurador da nosa identidade nacional. Otero busca e rebusca precedentes para que a personalidade política de Bóveda emerxa noutra dimensión do que se ten alleado ou non descuberto noutras incursións anteriores que se teñen realizado ao redor de Alexandre Bóveda. Aí está a busca dese perfil humanista e político de Bóveda que contaba con trinta e tres anos cando foi asasinado. Unha revelación xuvenil de compromiso para imitar en calquera tempo e por calquera xeración que pretenda erradicar a marxinación de Galiza, restaurando a súa personalidade. Estamos ante un documento moi preciso e rotundamente perfilado por un dos investigadores máis destacados e unánimes como é David Otero.