logo opinionRéquiem por unha figueira - 25.08.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Unha escavadora, barullenta e desafiante, abriu camiño para viandantes de lixeira equipaxe e de paso curto para andar e desandar un novo itinerario sen memoria. Chegou a máquina e ferozmente desmembrou as raíces da miña figueira de Podente. Merlán non é terra de figueiras pero as que hai locen a súa compostura e perfuman o espazo vital por onde transitamos.

En definitiva, ese enorme cazo de escavadora tronzou as raigañas da figueira que custodiaba a miña casa e perfumaba o transitado patio. Os seus figos atraían centos de estorniños que viñan en algarada a procurar as súas dádivas e a facer festa pracenteira co seu trino.

En poucos días, as súas follas de verde esplendoroso ficaron murchas e amarelas. Mesmo da cor do ouro como anunciando a súa decadencia prematura e tapizando o chan desta cor, como símbolo da súa última e definitiva permanencia. Nunca a vin tan esquelética e permeable, deixando pasar as raiolas solares até o meu apousento de verán.

O mellor froito que a miña figueira daba era a sombra. Aquela sombra mansa e benéfica que me convidaba ao recato e impoñía silencio para reflexionar e intimar con un mesmo. Agora percibo o valor das sombras que non sempre son negras nin nefandas. Agora pode que o falecemento dunha árbore se sinta, pode ser, como dun ser querido. A súa presenza, en todo o seu fervor apoteósico, produce estados de ánimo diferentes e infunde severidade a quen confraterniza e habitaba o seu espazo.

Mais como ben di o Eclesiastés, todo ten o seu tempo, de nacer, medrar e morrer. A miña figueira tamén tivo o seu, aínda que a morte desta árbore foi prematura e imprevisíbel. Curiosamente, finou no mesmo ano en que finou quen a plantou. Lembro ben que o meu parente Ernesto chegou cunha miúda vara de figueira que atopara nos Maniños de Sabadelle, rente ao río Miño e a plantou nun recuncho do rochedo grande en 1951, agromou e deu cinco áticas e fortes polas, dándolle unha existencia de cincuenta e oito anos. Este 2009, non deixa de ser o ano terríbel para o plantador como para a árbore plantada, que os dous merecen un réquiem tecido co silencio e ausencia que deixaron.

Mais agora, a miña lembranza tenta recuperar historias e codificalas na memoria, a miña figueira está xa no cume do memorando. Na súa ausencia até o silencio fala e conmemora. Sen a miña figueira non podía dar o título a un poemario infantil, titulado: A figueira lingoreteira. Ou de outros poemas con que tentei solemnizala.

Baixo a súa sombra gustaba repousar o poeta Manuel María e sempre pedía dialogar debaixo dela, como se a figueira retivese a nosa conversa. Tamén Uxío Novoneyra ficou impresionado pola súa enorme e frondosa cúpula que dicía rivalizar coa dunha catedral. Á sombra desta figueira de Podente, escribiu en 1987 un dos seus coñecidos poemas, Eugénio de Andrade. Baixo dela gustaba de facer preguiza o escritor António José Queirós.

Na súa oferta de convivio, a miña figueira deu compracencia á miña nenez; sorpresas á miña adolescencia e sosego aos comezos da miña vellez. Por iso que as nosas árbores impoñen e imprimen personalidade e aconchégannos á Mai Terra: dadora de tantas primicias que tantas veces nos ofrenda e, tamén, tantas veces desprezamos a súa mensaxe.

Quixera pensar que a miña figueira saíra ilesa deste percance tan tremendo e avasalador que as máquinas producen. Esas sórdidas escavadoras que non entenden de sensibilidade e moitas veces quen as manipula, tampouco. Penso que a depredación das árbores atenta contra a nosa paisaxe que conforma a nosa personalidade máis íntima e tan ligada aos nosos espazos e á nosa idiosincrasia. Sen os nosos soutos e devesas e sen a conformidade doutras especies e da nosa flora autóctona, Galiza sería todo menos ela. 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía