logo opinionO redencionismo en Aureliano Pereira 01.09.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Moito se ten esquecido a obra redencionista de Aureliano Pereira (1855-1906), aquel lugués que tanto alentou o rexionalismo galego de finais do século XIX. E que tanto esclareceu a dinámica reivindicativa sobre o federalismo e un dos teóricos mais sobresaíntes do galeguismo, desde moitos parámetros e prospectivas sociais e soberanistas.

 

Aureliano Pereira fixo un xornalismo reivindicativo. Asentado na problemática galega esfiou polo miúdo a maraña centralista e da que formaban parte toda aquela casta caciquil que engrosaron as fileiras do poder centralista; os que fixeron de ponte entre a administración centralizadora e o pobo que dominaban. Por iso, Aureliano Pereira, escribiu en maio de 1887, o que segue: "Eses homes, verdadeira escoura de cada pobo, "Proteos" infames que pretenden ser influencia en todos os tempos, para cubrir por ese medio a deformidade dos seus vicios, e que para realizar os seus fins bastardos non se deteñen ante o sacrificio da amizade e ata da familia, eses homes son tan só dignos do desprezo dos seus cidadáns e do Goberno". Mais foron os gobernos os que mantiveron esta especie de xente indigna e o pobo galego do rural o que os consentiu.

 

Os habituais artigos que Aureliano Pereira foi tecendo, sobre elementos fundamentais que a sociedade de finais do século XIX soportou tanto sufrimento.

 

A emigración foi unha delas, e a peor manifestación que atinxe a esa problemática. Por iso, soubo entrar nesa crítica acertadísima, cando escribiu: "¡Que tristes deben ser as circunstancias que obrigan ao galego a abandonalo todo! ¡Que tristes horas pasará cando en alta mar, só entre o ceo e a auga, crea percibir nos muxidos das hondas que azoutan o costado do buque, os suspiros e os saloucos dos seres que pouco antes o estreitaban entre os seus brazos!

 

Cando isto sucede, cando o amante da terra abandona a súa patria para marchar a outra terra, descoñecida e quizais ingrata, preciso é convir que existen causas poderosas contra cuxa forza nada poden os artigos de xornais".

 

O éxodo, a sangrante aventura do home galego que procura noutras terras aliños económicos; mais que para o centralismo tiña un papel fundamental de desintegración da nación galega. O enorme índice emigratorio conformou esa desintegración como pobo. Aflorou en moitos campos da nosa identidade. A nosa emigración foi o maior espolio que sufriu Galiza. Os intelectuais do Rexurdimento, como Rosalía, foron puntuais na denuncia.

 

Na obra xornalística de Aureliano Pereira, está exposto o problema nacional galego, que en diversos estadios foi madurecendo e, tamén, superando aquelas vías en que o centralismo se incrustaba. Aquela vía de Alfredo Brañas manifestada no seu El Regionalismo, con puntos moi concretos na de-sarticulación de certos apartados centralistas e adheridas a aquelas percepcións que el tiña e admitía do carlismo como da Igrexa mais retrógrada.

 

Tamén El Regionalismo de Manuel Murguía afondou no concepto de Patria, que nel aflorou o proxecto nacionalista, que serviu, con frecuente puntualidade, para exercer a liberación do pobo galego. Mais o federalismo localizado nas directrices de Pi i Margall, foron o salvoconduto de Aureliano Pereira. Outra das maneiras coherentes ou das posibilidades políticas que tiña Galiza, para conformarse en Estado federado e, tamén, en Estado emancipado e soberano. Na obra de Pereira hai suficientes indicios para ver como encarou o problema social e nacional daquela Galiza irredenta.


Os escritos de Aureliano Pereira son o suficientemente esclarecedores para confirmar que en moitos deses artigos se determina e asevera a influencia que tivo no proceso do nacionalismo galego. Non sabemos se foi consciente diso, mais constátase en moitos dos seus escritos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía