logo opinionUn lustro sen Manuel María - 08.09.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Xusto hoxe, cúmprense cinco anos do pasamento do noso poeta, Manuel María. Naquel oito de setembro de 2004, todos os medios de información daban a noticia da gran perda que significou e segue significando a ausencia de Manuel María.

O impacto tivo implicación na gran maioría do pobo galego, co que sempre comunicou e defendeu. Un poeta virado cara ás necesidades do noso país. Un home vital no seu humanismo e transcendente no seu existencialismo. Manuel María, pese á súa ausencia física, está profundamente na memoria dos "bos e xenerosos". El foi un deles. Amou a nosa nación, a nosa idiosincrasia, a nosa lingua. Sobre todo a lingua que moitos queren borrar e exterminar. O Manuel puxo énfase na tradición do que se fala e do que temos que defender fronte aos que queren dinamitala.

Manuel María foi o poeta que marcou etapas nun estadio conflitivo e cheo de carencia, vindas da ditadura e dos seus secuaces que aínda campan pola nosa xeografía. Manuel foi o poeta da denuncia e o guía de abrir horizontes e descubrirnos a nosa identidade. Manuel María foi un escritor clave e oportuno nun espazo temporal nada propicio para facer e reivindicar nación. Un escritor que escribiu para os seus, para os que precisamos dunha patria liberada e dona de si, sen intermediarios nin de programadores foráneos.

Se algunha vez temos que buscar referencias de dignidade -tan necesarias nestes intres- veremos que da persoa e da obra de Manuel emerxen activos de loita para enfrontarnos aos nosos problemas. Na intensa obra do poeta chairego está a marca da solidariedade cos mais débiles; coas masas populares que aínda continúan sometidas aos mesmos problemas, aínda que os enmascaren con outras lindezas as clases dominantes.

Manuel María foi un home fiel ás nosas tradicións, ao que o pobo creou e forneceu. Por iso, a súa presenza esta viva e perpetúase nos alicerces da memoria colectiva. Polo tanto, estamos falando dun poeta da nación e que fixo nación, como Rosalía, Curros Enríquez, Pondal, Cabanillas, Celso Emilio e Novoneyra.

Ese gran coro de poetas da resistencia que concibiron e fixeron nación sen axenda protocolaria; sen exercitarse en palabras lindas e ocas que outros admitiron. A palabra que nos libera e que nos leva á liberdade de todas as Galizas, sendo referente e harmonía para achegarnos e descubrirnos os portentos e as debilidades que acontecen en Galiza.

Manuel María conforma esa fileira de camiñantes exemplares; de camiñantes sen camiño que tiveron que abrir senda para reencontros e pontes de unión para alterar aquelas encrucilladas sen dirección nas que moitos nos perdemos. O noso Manuel María pisou terrón popular; abriu fenda contra aqueles esquemas autoritarios e esnaquizadores da patria galega. Velaí a voz ensumisa de Manuel, revelando e insistindo nos dons e nas benevolencias que temos que pór a bo recado.

Este lustro non nos ten afastado de toda esa ilustración que Manuel María nos legou. Por tanto, "A morte non é certo" como dixo Uxío Novoneyra, outro dos nosos grandes poetas, cofrade de Manuel en tantas ideas non frustradas nin vencidas. Manuel María foi consciente que a poesía en Galiza, desde tempos pretéritos, consolidou un cantar tecido con protestas e prantos liberalizadores. Un canto extenso que desde os cancioneiros trobadorescos até a actualidade, implicou conciencia e denuncia que endexamais os politiqueiros de turno non entenderon nin defenderon esa Galiza inmensa. Por iso é que Manuel María entendeu a tradición da nosa poesía como arma de esperanza e liberdade. El foi o continuador desa poesía, moitas veces ruda como un croio que bate contra pérfidos e ingratos, inmerecentes deste noso "fogar de Breogán". Manuel María, na memoria da patria para sempre.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía