logo opinionFesta e feira das cabras en Merlán - 15.09.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os da miña tribo de Merlán amenizan festa na honra daquel vello bispo da patrística cristiá, San Ciprián ou San Cibrao. Tamén manteñen viva a feira de cabras. Esta vella freguesía e couto de San Tomé de Merlán, ten de costume e tradición celebrar nos achegos do día do bispo de Cartago a festa que nos tempos que corren remite.

Mais os seus parroquianos lembran dinámicos xuntoiros ao redor da capela de Santo Amaro da Torre, que unha vez ao ano, por setembro, lle deixa de prestado a San Ciprián o seu apousento dando exemplo fraterno. Ademais a imaxe deste santo bispo leva un ourizo regañado onde se ven as castañas madurecidas, un anuncio do evento de castiñeiras a dar fartura. A dar abasto para os magostos do mes de Santos.

Tres días para compartir festa e feira de lustrosas cabras con cornamenta solar, outro dos portentos de santidade que moi poucos coidan que as cabras teñen. A cabra é un ser portentoso e non sempre símbolo de lascivia.

As cabras que se venden en Merlán veñen de lonxincuas terras desde tempos medievais e os condes de Taboada e Ulloa, señores e feudatarios do couto de Merlán, déronlle consistencia á feira caprina, ligada á festa do bispo mártir, San Ciprián. Tivo esta feira a súa decadencia coa virada de faenas ribeirás e do troco de materia prima, dado que os odres no que se transportaba o viño das ribeiras do Miño aos fogares labregos decaeu co transporte das uvas en tractores.

Por tanto, nin odres, nin cabras nin feira. Mais os mozos da Asociación de Veciños de Merlán, sempre asisados e alertados en facer funcionar as cousas comunitarias botaron a andar e crearon un perfil ben diferente ao tradicional. Déronlle á Feira das Cabras de Merlán unha nova modalidade cultural e unha excelente expresión degustativa.

A carne de cabra ben temperada para impenitentes gulosos; para sibaritas que aprezan na cabra ese bocato di cardinali e que os máis desconfiados cando a proban convértense nos mais lerchos lambóns.

A cabra de Merlán tamén ofrece esas lindezas de sabores mixtos da cabra cocida, rustrida e asada. Os de Merlán, nesta súa feira tan auténtica e tan vital, tanto para o divertimento como para facer festa de santidade.

Aquí acoden os reumáticos a que o San Ciprián pequeniño ou curandeiro lles toque as costas e lles dea enerxía para resistir as cruezas da invernía.

Merlán foi terra de celtas e romanos; de suevos pagáns e cristianizados, terra de protesta irredenta ante os seus feudatarios. Pola súa xeografía pasaba a antiga vía romana de Lugo a Ourense e a Braga. Pasa a estrada de Lugo a Ourense. Terra de furnas, como ben o indica o seu topónimo: Forroedo. Merlán conservou antigos chantos de mámoa. Aquel lugariño chamado Merilanius, despois Merela e mais tarde Merlán, impúxose ao antigo nome que tiña esta freguesía, San Tomé de Freixedo.

Foi xurisdición dos condes de Taboada, tiñan cadea e forca, moito antes de que Chantada tivese identidade de Concello. Unha peculiaridade que lles deu aos de Merlán esa independencia e, tamén, esa forma de manter unha tradición como é a feira e a festa que se manteñen ante tanta desfeita ou cambio de rol. D. Alexandre de Taboada e Ulloa probou marquesado ante o rei Carlos III, os protocolos sufriron demora e foron recusados. Nesta miña parroquia de crianza coñecín a loita de clases entre os mal chamados ricos e os pobres. Experimentei os anos crus de posguerra; o brazo forte duns e o puño débil dos desafortunados que o mantiñan ben pecho dentro do peto. Os tempos mudaron para moitos de Merlán e tamén para as festas tan identitarias que se manteñen vivas, dentro dun contexto cheo de anomalías para as festas e feiras. Moitas daquelas festas do concello de Chantada desapareceron e as de Merlán aínda respiran identidade.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía