logo opinionFesta do viño en Madeira - 22.09.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Agora xa nada importa aquela vella discusión entre os portugueses de que a vide que produce o viño de Madeira fora introducida nesta illa atlántica polo Infante D. Henrique no século XV ou por aventureiros italianos. No fondo da cuestión había un interese de competencia entre o viño do Porto e o de Madeira. Os que apostaban pola lexitimación do viño portuense proclamaban os italianos os que plantaron viñas en Madeira. Os que promovían o viño insular aferrábanse á orixinalidade portuguesa, apelando ao Infante dos descubrimentos e das repoboacións.

 

Mais os ingleses tiveron moito a ver na definición, elaboración e comercialización dos viños do Porto e de Madeira. Polo tanto, o viño de Madeira ben merece unha festa báquica polas vésperas das vendimas que os madeirenses celebran o primeiro domingo de setembro nesa enorme avenida Arriaga en confluencia coa de Gonçalves Zargo, arterias principais do Funchal.

 

Un que chega para asistir a un Congreso de Literatura Lusófona atópase cunha festa onde se expoñen tódalas atribucións dionisíacas da tradición e da cultura do viño que os madeirenses foron tramando durante seiscentos anos. Musica, cánticos de vendima, mimos nos seus destaques alegóricos fomentan ledicia fervorosa. Todo un portento en reavivar e enaltecer a cultura viñateira da illa. Hai pesadas razóns para que se faga unha festa anual na que a ledicia e as boas maneiras de irmandade recoñezan ese arduo traballo dos que fan posíbel ese apreciado e cobizado néctar.

 

Os que estamos acostumados a ver os socalcos da nosa Ribeira Sacra, artillados nesas lombadas de ribeira, que non deixan de sorprendernos, cando un observa os socalcos de Madeira, mesmo arrepían velos pendurados nesa verticalidade de rochedos volcánicos. Toda esa arquitectura que sustenta espazos para que a cepa produza ese viño admirado nos grandes banquetes aristocráticos, por onde os viñateiros transitan acotío no seu labor perigoso, tantas veces ignorados, mal pagados e nunca coa recompensa e o agradecemento debido. Esta festa das vendimas ou do viño que se celebra no Funchal, dedicada Ás dádivas da recolección, están os viñateiros con seus atuendos parodiando o mÁis xenuíno do seu traballo para que outros degusten o impagábel viño. As diversas castes de vide ocupan diversos espazos na illa de Madeira. A Malvasia, importada de Chipre e Italia, ocupa o espazo de Câmara de Lobos; o Boal, vindo da Borgoña, ocupa a poboación de Calheta e Ponta do Pargo; o Sercial, vindo de Reno, foi plantado en Jardim da Serra, Arco de São Jorge e Fajâ da Ovelha; o Verdello, vindo de Portugal esta en toda a periferia do Funchal.

 

Nesta festa do viño, falei cun deses ferreños cultivadores da vide que amais de coñecer puntualmente todo o proceso produtivo da vide e do viño, non descoidou a súa historia que me contou dunha maneira grandilocuente, como os señores do viño quixeron que fora difundida. Contoume que os madeirenses estaban moito agradecidos con Francisco I, rei de Francia, porque as honras de palacio as facía co viño de Madeira. Comentou que os tsares de Rusia o importaban directa e secretamente desde o Funchal e que o Duque de Clarence, estando preso na Torre de Londres (1478), pediu ser afogado nunha pipa de viño de Madeira.


En Madeira existe unha fonda e xenuína cultura popular do viño, tan arraigada e cultivada. Famosos adaxios dedicados o viño, tan certeiros como estes: Pelo S, Tiago, cada pinga vale un cruzado. Onde entra o beber, sai o saber. Vinho, ouro e amigo, quanto mais velhos melhor. Os madeirenses contan cun longo repertorio de cantigas viñateiras, como esta: O nosso vinho de Madeira/ É vinho muito afamado./ Quen não bebe deste vinho/ Anda sempre adoentado.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía