O Sáhara de Aminetu Haidar - 15.12.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Aminetu Haidar representa a dignidade dun país fronte á ditadura monárquica e medievalista como é a que predomina en Marrocos. Haidar representa miles de saharauís que padecen persecución no seu propio país. Ela aférrase a esa loita tan viva e tan silenciada pola monarquía marroquí. Trinta e tres anos de éxodo masivo e de ser desoídos ante os foros internacionais. Esta situación merece que a cidadanía universal lle preste atención a esta inxustiza e trate de corrixila, axudando o pobo do Sáhara Occidental a conquistar a súa soberanía.

 

A aptitude de Aminetu Haidar é valente e significa darlle pulo ao proceso de descolonización. Permanecer nese camiño de liberdade, nunca desandado por seus nacionais, representa loitar contra o esquecemento de que o Sáhara siga sendo un país colonizado e contra a ignorancia que é outra das perversións que utiliza Marrocos. A resistencia de Haidar, nestes momentos, simboliza as loitas de máis de tres décadas facéndolles fronte aos sátrapas de Hassan II e de Mohamed VI, con todo ese aparato de Estado que produce tanto terrorismo. A expulsión que se lle fai a esta digna cidadán saharauí é outra das expresións radicais da ditadura colonialista.

 

No transo polo que está pasando a nación saharauí tiveron responsabilidade o último goberno de Franco e todos os da democracia española, consentir a entrada á antiga colonia, baseándose en xustificacións artificiais e os gobernos democráticos actuaron con temor fronte a Marrocos. Concedéndolle privilexios alén da consabida ética sobre soberanía e tratamento de igual a igual.

 

Durante todos estes anos, desde o final da ditadura, Marrocos soubo aproveitar moi ben o tema colonial español de Ceuta e Melilla e doutros illotes, reivindicando a súa lexítima soberanía, fronte aos temores do Estado español que sempre ridiculizou esas relacións agachándose neses medos que produce estar ocupando eses territorios rifeños. Ceuta e Melilla son o soporte de Marrocos no momento de afrontar unha política agresiva con España. Uns territorios que son peninsulares, só africanos, nos que se mantivo esa casta radical de militares salvadores dos valores mais retrógrados que se impuxeron en España. Non esquecemos que a cruzada fascista que deu orixe á Guerra Civil comezou nestes territorios. Polo tanto, a Marrocos interésalle que o Goberno español estea hipotecado nese medo que producen os minúsculos e improdutivos territorios que non lle achegan nada, a non ser ese caduco orgullo colonial de imperio fracasado.

 

Marrocos quitoulle rendibilidade á Marcha Verde, xénese da colonización marroquí do Sáhara, sen que España saíse dese territorio con dignidade. Hassan II ampliou os bancos de pesca introducíndose en augas xurisdicionais españolas sen que o Goberno fixera un mínimo de resistencia. Os gobernos da España democrática consentíronlle a Marrocos innumerábeis agravios. O papel que fixeron eses gobernos fronte á descolonización do Sáhara, tanto na ONU como noutras instancias internacionais, foi sempre colaborando con Marrocos.


O actual litixio que ambos os países teñen polo caso Haidar débese a ese colaboracionismo insensato que o Goberno español ten con Marrocos e xa non ten ideas para resolvelo. Ademais, cala ante as ameazas da diplomacia marroquí de que non colaborará co Estado español en materia de droga e terrorismo. O Goberno de Zapatero cala, non por diplomacia, senón polos medos que asume como sistema, e ten máis cartas que xogar en materia de emigración e de pasos fronteirizos e outras temas en que Marrocos sairía máis prexudicado. Dados estes incidentes, o Goberno español debe apostar pola independencia do Sáhara sen complexos e dunha maneira especial polos Dereitos Humanos, tendo como referencia a Aminetu Haidar.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras