No cubil da lúa - 22.12.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
O escritor e profesor Xoán Neira, natural de Meilán (na periferia de Lugo) e residente en Viveiro, acaba de publicar un imprescindíbel libro para crianzas, titulado: No cubil da lúa (Baía Edicións). Neira, de vez en vez, dá ao prelo significados títulos de poesía infantil, perfilando unha promoción do xénero poético entre os nenos que superan a idade dos sete anos. Non é fácil escribir para nenos e menos chegar a eles nun mundo tan convulso e pregado de confusións desde un contexto en que os adultos, por estar en outras órbitas, entendemos cada vez menos ese espazo de localización en que os rapaces gozan e dominan todos eses trebellos informáticos que lles ofrecen imaxes animadas e lles impoñen outras prioridades que producen deserción na lectura de libros tradicionais.

 

É bo que escritores e editores aposten pola literatura infantil en formato clásico e, sobre todo, que os proxenitores aposten en Galicia por ese tipo de literatura no noso idioma. O noso idioma está pasando por unha fase de desprotección, desde as mesmas institucións políticas que teñen a obriga de promovelo e normalizalo. Neste caso, teñen unha misión importante os pais e, tamén, os mestres. Xoán Neira, dedicado ao ensino, propicia todo un inventario literario que consiste en fornecer a lingua e crear falantes desde un ámbito infantil que pode resultar precoz na potenciación dun lector que no futuro non teña receos en defender o noso idioma.

 

Mobilizar e restituír a naturalidade do noso idioma, por representar os nosos valores identitarios, representa culminar esa aprendizaxe con que o neno foi estimulado desde curta idade. Por iso, as iniciativas que se fagan nesta dirección son impagábeis por potenciar a futuros lectores en galego desde as escolas.

 

Xoán Neira ofrécenos un diálogo importante con catorce especies da nosa fauna. Convertendo O cubil da lúa nun libro necesario no que se retrospectiva outra visión do noso bestiario ou animalario, onde os nenos poden atopar unha serie de atributos reais e de ficción que de adultos, cando observen un deses animais poderá pensar neles dunha maneira mítica e como necesarios dentro do rol ecolóxico. Neste libro aparecen unha serie de destaques biolóxicos que entraña coñecemento e achega cara a esas especies, tantas veces ignoradas e desprotexidas. Neste sentido, faise necesario que os nenos atopen ese diálogo nunha literatura pensada e coidada para eles, partindo do contacto diario, exercido por un pedagogo como é Xoán Neira, que coñece como pensan, actúan e se deixan seducir e conmover ante esta fauna mítica que non tódolos días teñen a seu alcance.

 

Os catorce poemas de No cubil da lúa perfilan cada un dos animais aquí representados e erixidos nos versos, dunha maneira delicada e portentosa que nos chega dun poeta que sabe tocar as teclas líricas e, tamén, da sensibilidade do lector infantil e dos adultos. Estes versos de creación de Xoán Neira teñen un soporte importante nos deseños expresivos de Juan Darién que reforzan e engrandecen eses conceptos que o poeta depositou en seus versos. Este libro goza doutra magnitude que é a parte gráfica que ben dun dos maiores deseñadores cubanos como é Juan Darién, coñecido dentro e fora do seu país, que pertence a esa escola aberta e tan singular da Uneac (Unión Nacional de Escritores y Artistas de Cuba) que revolucionou as artes plásticas de Cuba. Juan Darién e un dos seus membros mais coñecidos e respectados.


A interrelación entre o verso de Xoán Neira e os debuxos de Juan Darién conforman un todo na emisión das mensaxes que se emiten no que se le e no que se observa. Un libro para relaxar os sentidos e transplantar ao lector infantil a outros espazos co sentido e co espírito de dialogar coa natureza, nun sentido aberto.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras