logoGrupoCorreoAquelas desexadas neves - 12.01.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA

Fotos e vídeos que os inter-nautas envían os xornais e colocan en webs e en blogs presentan un cambio de imaxe nesas paisaxes urbanas e de insólitas escenas protagonizadas pola neve. Nenos e adultos a brincar e a facer bonecos de neve. Un costume ben antigo que no medio rural se lle daba rebolóns á neve callada até acadar un enorme volume no que se construían figuras, desas que daban a medida artística e imaxinativa de quen as esculpía. Xenuínas esculturas que eran colocadas en lugares sombrizos para que o sol non as disolvera. A neve convertida en tótem sacralizado por olladas cándidas e serenas.

As nevadas son para moitas persoas un fastío, cando os atrapa e os incomunica a non permitirlles cumprir coas súas obrigas rutineiras, como é sabido estes días en diversas cidades de Galiza. Pese a estes incomodos a neve é sempre benvida e desexada por moita xente, dado que pon matices na paisaxe urbana e transforma a eses vellos edificios de pedra denegrida pola polución, en brillo luminoso, do que estamos acostumados a observalos. Esa brancura nupcial posta nas fachadas catedralicias e nos tellados antigos, con eses formatos visuais ben diversos que poñen emoción na xente que recibe esa grata visita da xélida neve que moitas veces queima. A neve como aventura que só se sente esteticamente. Mais no medio rural, na nosa vella labregancia, a chegada das neves que os labregos experimentabamos co bufar do nevisqueiro, ese vento frío que é o encargado de anunciar as fortes nevadas. A neve no medio rural galego e, sobre todo, nas zonas máis montañosas impón sosego e intimidade -como podemos ver en Os Eidos de Uxío Novoneyra-. Os labregos agradecen ese frío que quenta e que os fai cambiar de rol cando a neve lles impón ás persoas a súa pertinencia en degustar as ofrendas da lareira para intimar, pensar, facerse máis ácrata nesas horas nugalleiras e de irmandade.

Eu lembro, no meu Merlán nativo, todo aquel cerimonial, ou liturxia laica, que a neve impoñía cando facía recadar no recinto da casa aos animais. Cando na miña parroquia se albiscaba a neve da serra do Faro e que cubría os altos cómaros de Chantada, os veciños pasaban esta consigna: "Hai neve no Faro, temos que meter os cans dentro da casa que baixan os lobos da serra". A neve traíalles intimidade ás aldeas, en cada casa o fume das chemineas daba esa sensación de que dentro da casa todo estaba organizado e en movemento solidario. O fume era a mellor sinal de fartura e autoprotección. Cando a neve tendía seu manto un tiña conciencia do seu traballo e de acumular vianda de verán para facerlle fronte á invernía. Cando chegaba a neve un decatábase que o labrego é un prototipo de formiga provisora. Os pallares acumulando herba e palla para o gando, os hórreos e cabaceiros con millo e fabas, os celeiros e as tullas con grao centeo, os alpendres cheos de leña seca e picada para que a lareira dese mantenza e quecemento.

Os labregos poñían a súa esperanza nesa neve que chegaba como don fertilizador dos campos, humedecendo os sucos con semente, a que rebentaba fontes e mananciais e convertíaos en permanentes regadas. O refraneiro labrego non mentía: "Polo mes de Santos, benvida a neve aos campos". Ou estoutro tan ilustrativo: "Ano de neve, ano de bens se nos teus eidos sementado os tes". Mais como esa Galiza labrega tan espoliada na súa cultura milenaria, onde as formas de vida non teñen evolucionado porque quen goberna o alleo trata de alteralo para apropialo, as normas tradicionais están sendo vencidas por modelos estraños que rompen a convivencia e poñen cerco as nosas tradicións. Da cultura labrega con relación á neve fican aínda estes certeiros refráns de longa dimensión: A neve en xaneiro fai medrar o celeiro, engordar o porco e o carneiro.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía