logoGrupoCorreoConciencia e forza en defensa do galego - 26.01.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA

O día 21 pasado a conciencia e a forza dos galegos fixeron presenza nas rúas en defensa do noso idioma. Unha manifestación solidaria e puntual de varias xeracións de galegos, ademais de resistir e persistir na defensa da lingua galega harmonizaron consignas moi coherentes para dignificar unha loita cuxa arma é a palabra e as mobilizacións. Coido que isto crea conmoción no trío do xuntoiro, aínda que se manifesten. Estas manifestacións apoteóticas, dos que queremos que o noso idioma continúe sendo o vehículo natural de comunicación na nosa nación, vai ter un desgaste para os que tentan inmobilizar o noso idioma.

Desnaturalizar a nosa lingua con formatos exóticos como intentan os señores do xuntoiro do PP, evidencia a maior cacicada de usurpación e entrega a ese españolismo rancio que cos seus diversos tentáculos intenta asfixiar os nosos sinais de identidade. Falar de bilingüismo, trilingüismo etc, son maneiras de enmarañar máis co fin de crear contradicións entre os diversos colectivos que defenden a nosa lingua. Mais as cousas están bastante claras despois de diversas expresións e manifestacións de persoas e colectivos en defensa do que é noso.

O in crescendo das manifestacións, sen dúbida, aterran ao triángulo monolítico, Feijóo-Vázquez-Lorenzo que están quedando sen apoios en moitas das instancias que eles prevían estar ao seu lado. Xa vimos o posicionamento da Real Academia Galega, o dos colexios católicos desbotando decreto, as centrais sindicais e outras organizacións e estamentos moi serios no noso país que ademais de desoír critican as pandeiretadas dese trío inmobilista que non soubo facer lectura da manifestación do 17 de maio pasado, nin da 18 de outubro, tampouco da do 30 de decembro e xa non sabe como dixerir esta última do día 21, que superou todas as previsións numéricas con relación ás anteriores. Catro fases de mobilizacións de masas cos avisos de dar marcha atrás a todas esas intemperanzas que arroupan ese decreto que ampara a demolición do idioma orixinario, natural e propio de Galiza.

Servidor, estivo nesta última manifestación da palabra, e impresionoume o enorme volume de estudantes universitarios, de institutos e de básica, exhibindo lemas e consignas en defensa da lexitimidade do galego. A presenza da mocidade nesta última convocatoria fai prever unha excelente saída desa precariedade silenciosa. Todos puidemos observar uns adolescentes con voz segura e xenerosa dando consignas e cantando en galego. Esa autodisposición lembroume o que Ánxel Fole di en Contos da néboa: "Despois da fala, o meirande vencello que temos coa terra é a música popular. Sentindo a nosa música folklórica si que nos decatamos de que somos galegos ben establecidos na terra. Cun sentimento que nos ven de moi adentro; que non dubidamos, nin sequera un intre, que forma parte do noso ser". A palabra no cántico e na música, é o esencial do noso mais íntimo patrimonio que non deixaremos que nefandos "gobernantes" poñan en perigo.

Tamén, o profesorado en pé, os intelectuais, os políticos da oposición e non poucos votantes do PP, galegofalantes, que se senten enganados por esas proxeccións perversas que tentan erradicar o idioma propio de Galiza.

Ante estes desvaríos, despois destas manifestación, sabemos que ninguén opta por ser neutral. Despois de oír esa voz unánime de miles de persoas saíndo das barricadas pacíficas de Compostela e dándolle plenitude á palabra galega na praza do Obradoiro. Mais acompañando á palabra está a idea e o sentimento, alicerce de facer segura a nosa nación. A patria da convivencia e non dos monifates que pretenden escurecer a nosa identidade. Esta última manifestación advertiu ao trío: "Duro é dar couces contra o aguillón".

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía