logo opinionGarzón, na balanza da desmemoria - 16.02.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Os dedos de fascistas, terroristas, narcos, defraudadores, ditadores, en santa alianza, apuntan o xuíz Baltasar Garzón para incriminalo por andar á busca e rebusca de asasinos e xenocidas de índole política e ideolóxica. Foi capaz de enxuiciar ao sátrapa Pinochet, recluído no seu cortello de estrume. Un acto que convulsionou os que andan nas malas mañas xenocidas, a tódolos carniceiros da impunidade e aos usufrutuarios do crime e do silencio.

Baltasar Garzón lexitimou en todo o mundo un modo de enfocar novos valores no que respecta aos Dereitos Humanos, en favor das vítimas e dos sen voz: negados da memoria. O silencio foi un dos mellores activos en alentar o crime e impor soidade e medo, incrementando impunidade. A drástica imposición dos poderes fácticos dunha ditadura e de seus sucedáneos e acólitos, aos vencidos e silenciados, tratando en tódolos casos en normalizar a negación á auto estima dos vencidos fronte á barbarie. Baltasar Garzón encarna ese novo espírito de perseguir crimes de lesa humanidade e ese terror institucionalizado polo franquismo e polo posfranquismo. Voces de dirixentes do PP, como a de Rajoy ou da Igrexa como a de Rouco Varela, tan previsoras como puntuais en non admitir as evidencias e fustrigar co silencio contra a verdade e a dignidade dos masacrados.

A Baltasar Garzón tentan poñelo na picota eses poderes inscritos no pasado máis aterrador, co desexo de silenciar a súa voz e pórlle atrancos a unha acción xudicial que pon en evidencia ideoloxías perversas, sistemas que desprezan o máis rudimentario da vida humana e dirixentes que non dubidan en mutilar a seus opositores. Neste estado de cousas, o xuíz Garzón soubo xerar unha nova orde dentro desa doutrina universal de perseguir a delincuentes políticos, alén do código penal que cada país sostén; de puntos finais, amnistías e outras indulxencias que os propios criminais se outorgan.

A Lei da Memoria xurdiu como necesidade de esclarecer e lexitimar a verdade e proclamar a dignidade de tantas vítimas inocentes mutiladas e silenciadas por un réxime fascista. Nesta situación tenebrosa, as accións de Garzón contra sinistras depredacións dun pasado histórico relevante, onde o terrorismo de Estado foi evidente.

O proceso ao xuíz Garzón esclarece varios contornos de influencia do antigo réxime que actúan con escuros resortes co fin de liquidar da xudicatura un dos mais preclaros xuristas internacionais como é Baltasar Garzón. Un maxistrado que ten varias miras nun contexto sombrío, nun mundo no que impera a impunidade e se despreza o dereito penal internacional e non se lle permite que estea por enriba da soberanía xudicial dos estados. Este é o camiño para despexar para que as ditaduras non formen guetos de poder, burladeiros de impunidades. O caso de Pinochet e de varios militares xenocidas da ditadura de Arxentina e outras, teñen en Baltasar Garzón como o seu implacábel azoute.

Asistindo a un dos espectáculos máis noxentos por parte dos resistentes antidemocráticos que persisten en non só neutralizar a acción deste maxistrado senón tamén decapitalo. A xustiza española, no seu estado democrático, aínda non soubo saír dese parámetro ideolóxico que durante corenta anos marcou o franquismo. Con máis de trinta anos de experiencias democráticas, a cidadanía de hoxe está retrospectivando os estamentos de xustiza como algo vetusto e que non corresponden ás novas esixencias. Este sentir plásmase a diario nos medios de comunicación, por diversos escándalos que proceden do que interpretan varios maxistrados. A última delas é o proceso a Baltasar Garzón, na que premios Nobel, maxistrados de prestixio democrático e personalidades de todo o mundo aseveran a inxustiza contra o xuíz Garzón.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía