logo opinionPoetas para celebrar o seu centenario - 23..02.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Este ano resúltanos pródigo en poetas universais que cumpren o centenario do seu nacemento, nos primordios dun século turbio, no aspecto social e bélico. Outros foron vítimas das atrocidades de ditaduras como a franquista que non dubidou en asasinar a García Lorca e a acelerar a morte en prisión de Miguel Hernández (1910-1942), aquel pastor, poeta e republicano, un dos grandes da poesía española, mundialmente recoñecido e valorado como poeta cívico e combatente pola liberdade.

A India tamén celebra un deses grandes poetas, como foi Purushottam Shivaran Rege (1910-1978), que alternou a poesía coa súa profesión de economista. Notoriamente recoñecido como un dos grandes poetas da India, sobre todo nas universidades de Maharashtra e mais de Goa, autor de once emblemáticos poemarios traducidos a diversos idiomas.

Cahit Sitki Taranci (1910-1956), representou o seu país, Turquía, en moi diversos foros internacionais, dado que foi un poeta que percorreu todo Europa, tomando como referencia a Baudelaire, Rimbaud e introducindo tendencias innovadoras da poesía europea ao seu país.

No mesmo espazo da mediterranía, Grecia conmemora outro dos grandes da súa poesía, a Níkos Kavvdías (1910-1975), un poeta moi especial por tratarse de ser mariñeiro e visitar unha gran parte dos países do mundo, fuxindo do convencionalismo social e do raquitismo que respiraba o país heleno na súa mocidade. Marabú o seu primeiro poemario ten un enorme sentimento nostálxico.

Cuba xa anuncia, en enormes carteis polas rúas da Habana, a conmemoración do centenario de José Lezama Lima (1910-1976), o excelso poeta e narrador; o escritor que lle deu sentido á literatura cubana en puntuais matices e innovacións. Os cubanos débenlle a Lezama non poucos estudos literarios e a recopilación de toda a poesía cubana, en catro volumes, desde a colonización española até a da década dos anos setenta.

Con certeza que Arxentina conmemora a Enrique Molina (1910-1997), un dos seus poetas máis recoñecidos da poesía surrealista. Percorreu moitos países do mundo como tripulante de barcos mercantes, pintor e autor de numerosos libros de poesía.

A poesía hebrea celebra a Nathan Alterman (1910-1970), nado en Varsovia e falecido en Israel. Foi unha das grandes figuras literarias e admirado como poeta, dramaturgo, xornalista e tradutor. O seu primeiro libro, Kokhavim Bakhutas (Fóra das Estrelas), adquiriu notoriedade en todo o mundo. Ademais, recoñéceselle o seu labor como tradutor de Shakespeare, Molière e dos clásicos rusos ao hebreo.

Vas István (1910-1991), xuntamente con Atila Josef, é o máximo representante da poesía húngara. A destrución do outono, publicado en 1932 foi o seu primeiro poemario, traducido a múltiples idiomas. Un poeta sólido e, tamén, autor de narrativa que conforman a solidez da literatura moderna de Hungría.

Jan Kostra (1910-1975), un dos poetas máis destacados de Eslovaquia e do teatro. Animador popular que progresivamente orientou os seus quefaceres cara a un labor universitario. Está recoñecido como o creador da modernidade da literatura eslovaca.

A poesía galega conta con Luís Seoane (1910-1979) para celebralo como poeta, pintor e intelectual. Unha das personalidades máis acreditadas das nosas letras e da creatividade pictórica. Seoane representa para Galiza moitas cousas. Foi o animador puntual, desde o exilio en Arxentina, de tantas orientacións que fixeron posíbel unha resistencia contra o franquismo. Creou infraestruturas de amparo á lingua galega, que resultou ser o mellor atranco da resistencia, creando publicacións orientadas á normalización de Galiza. Luís Seoane, xunto con outros intelectuais, fixo posíbel desde a diáspora esa resistencia que se fai de grande utilidade para a permanencia.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía