Rosa Díez contra Xoana a Beltranexa 02.03.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A burla e a infamia son os recorrentes máis apropiados de certos españolistas que empregan a descualificación contra a cidadanía dun país que se nega a ser domesticado. Velaquí a furia que lles entra a tales persoeiros, cando constatan que Galiza quere ser ela mesma e gobernada en función dos seus intereses, sen intervencións alleas. Aínda que a nosa nación é simple e humilde, moitas das veces feita á medida dos que a interviñeron, infundíndolle complexos de inferioridade: irremediábel carga que tivo que soportar.

Os patriotas da luenga Castilla, de restrojos y olmos decátanse de que Galiza acorda eufórica do sono que lle fixeron durmir á forza e a golpes pexorativos. O patriotismo de Rosa Díez lévaa ós antípodas da historia, a recoller da catolicísima Isabel pica, soga, coitelo e felonía para continuar agredindo coa arrogancia pexorativa o noso país. Con esa expresión inquisitorial que tanto se utilizou contra os galegos. Aquela vella insidia amañada pola raíña Isabel I de Castela, acaparadora de reinos e depredadora de culturas e convivios, deslexitimou a Xoana a Beltranexa de herdar o reino de Castela. A poderosa e influente nobreza galega apostou por dona Xoana e Galiza foi alcumada coas maiores maledicencias e o dicionario da Real Academia de la Lengua Española perpetuou o escarnio até fai pouco, agora retomado pola deputada de Unión Progreso y Democracia (UPyD) Rosa Díez. Siglas e nome para termos moi en conta en tempos de elección e noutras singraduras.

Rosa Díez contra Xoana a Beltrañexa; a ambiciosa señorita contra a Excelente Senhora -como os portugueses chamaron a dona Xoana, a destronada-. Parece como se Isabel a Católica se tivese reencarnado en Rosa Díez, fornecendo de valor e arroxo para combater ese bando de nacionalistas que tentan forxar destino propio e desoír a voz implacábel da unidade xeográfica da pel de touro. Dona Rosa xa nos deu varios avisos con súa paranoia unitarista. Un deles foi que os galegos poñemos en perigo o idioma do imperio en Galiza e por iso pisou as rúas de Compostela, desafiando ao mesmo Xelmírez, á fronte de súas hostes e, talvez, coidando que Zamora é a que nos debe representar como nos vellos tempos.

Sobre o espírito centralista da España única, non hai nada que obxectar e todo está certiño. Rosa Díez é o tótem fundamentalista; a referencia emerxente e salva vidas de cruzados e redentoristas. Por iso resucita termos pexorativos que naturalizou por decreto Isabel -a da camisa denegrida- e que deixou fatídica lembranza aquel 17 de decembro de 1483, decapitando a Pardo de Cela e liquidando as institucións de Galiza. A partir de aquí, a voz unísona e colonizadora converteuse en clamor de que os galegos somos asnos, subnormais, idiotas, covardes e infames. Iso foi o que quixo chamarlle Rosa Díez a Rodríguez Zapatero.

A burla e o rancor, como arma de Estado contra os galegos desde a Excelente Senhora dona Xoana até agora non cesou. Houbo un tempo, longo e sombrío, en que os galegos se sentiron humillados e sen dar respostas ás infamias tapaban os oídos e poñendo o brazo para parar a labazada física que se lles zorregaba. Hoxe temos que retar a quen nos fira moralmente con cínicos insultos. O respecto temos que impoñelo nós, devolvendo o agravio por duplicado. Nesta cuestión tan lonxincua e tan preta, coincido con Castelao: "A pauliña dos Reis Católicos contra Galiza fou unha cousiña de Estado, que perdurou até os nosos días. E unha de dúas: ou nós tronzamos a pauliña dos Reis Católicos ou non somos diños de chamarnos galegos; é decir, ou impomos o respeto que se nos debe ou nos declaramos merecedores de todo canto se dixo contra nós". Felizmente, a resposta está sendo valente e decidida.