Xosé Neira Vilas en epistolario 09.03.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Estamos nun momento en que o xénero epistolar ten en Galiza certo predominio sobre outros temas literarios. Talvez porque neles está a memoria de tantas cousas vividas e renacidas en terras lonxincuas, onde os nosos emigrantes predominaron e tiveron un enorme interese de estar vencellados á terra nativa. Este é o caso de Pepe Neira Vilas, ese emigrante en Arxentina e Cuba, con tantas emerxencias e vontades de facer patria comunitaria e irmandiña, consolidando o bo facer de lembrar e comunicar para erixir fraternidade.

Cartas de vellos amigos (1959-1998) Xosé Neira Vilas, trátase dun epistolario de estrea que a Editorial Galaxia acaba de publicar. Coido que o introito do libro comeza na mesma capa, con esas sinaturas de persoeiros ben coñecidos e lembrados, como Valentín Paz Andrade, Celestino F. de la Vega, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel María, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Xoán Naya, Ramón Otero Pedrayo, Seoane, Rafael Dieste, Ramón Piñeiro, Ricardo Carballo Calero, Carlos Velo, Leandro Carré, Antonio Fraguas Fraguas e Lois Tobío. Estes xunto aos outros, que non tiveron espazo nesta portada, suman corenta e dous autores.

Esta correspondencia enviada a Pepe Neira, na que non están, evidentemente, as súas respostas, entraña varias cuestións que durante trinta e nove anos os correspondentes conformaron un enorme ventallo de cuestións, proxectos e aspiracións que moitas veces foron alén da amizade persoal e das palabras protocolarias. Galiza está presente en todas e cada unha da discursiva que cada un dos corenta e dous autores mantiveron con Pepe Neira e a súa esposa, Anisia Miranda. Isto avalía a capacidade que tiña a nosa emigración en Latinoamérica e o interese mostrado desde Galiza polos que facían patria, na outra banda atlántica.

Esta correspondencia esclarece moitas vontades por realizar un traballo serio e sen insidias. Moitas veces remando a contra corrente, pero sempre en beneficio do interese comunal. Aquí, nesta correspondencia, non atopamos artificios, vulgaridades ou especulacións que puideran debilitar benquerenzas e proxectos que estaban en formación e execución. Construír país era unha prioridade que estaba por enriba de conceptos metafísicos. Neste epistolario está a vontade de rachar silencios ditatoriais que perturbaban convivencia.

Nestas cartas decatámonos do carisma que ten Neira Vilas ante a intelectualidade galega e doutros hemisferios. E, tamén, da súa movementación en trazar todo ese entramado amizoso con persoas que moitas veces non estaban na súa sintonía ideolóxica, dando probas de superar o verbo minifundista das liortas. Así é como se constrúe unha sociedade libre de escurantismos.

Este tipo de literatura epistolar pasará a ser unha das referencias a ter en conta, dado que as novas tecnoloxías informáticas acaban de mutilar este tipo de correspondencia, que tiña un sentido humano moi profundo e a agora, os correos electrónicos son fríos, breves, antipáticos e só serven para dar recados súpetos e sen candor humano que había naquelas cartas que un agardaba con emoción por saber do amigo ou de eventos que acontecían noutros lares. Esa prenda manuscrita que un relía e gardaba no máis íntimo das lembranzas, chegou á súa fin. Os e-mails impuxeron a súa dinámica xélida e todos lles somos obedientes ao novo ritmo dos tempos cibernéticos, perdendo un dos códigos mais humanos que predominou durante séculos por medio das cartas.

Neste memorial, atopamos os que saben que os seus escritos poden ser publicados algunha vez (como neste caso sucede) e son moi cautos no momento de ser explícitos sobre un tema determinado. Outros abondan en longas cartas preponderando, moitas veces, un mundo que sabemos que o interpretaron.