Manuel Espiña, in memóriam - 16.03.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sorprendeume o artigo do amigo Manuel Dourado Deira, en Galicia Hoxe do pasado 6 de marzo sobre o pasamento do cóengo Manuel Espiña Gamallo. Foi un deses escasos cregos que en tempos de limitacións políticas soubo eludir o cerco fascista para ir ao reencontro do noso país e lexitimar a nosa lingua. Manolo Espiña foi dos primeiros cregos que asumiu o noso idioma na liturxia. Por isto tivo varios desencontros coa xerarquía e, aínda, desde a súa columna: Outeiro de San Xusto, en La Voz de Galicia, apostou por un desafío inédito ante o conservadorismo do arcebispo compostelán Angel Suquía.

Manolo Espiña foi fiel aos postulados do Concilio Vaticano II, nas súas interpretacións máis dinámicas e progresistas. Por un cristianismo de base e por unha renovación pastoral que estaba ancorada e viciada nos antigos postulados dunha xerarquía nada exemplar cos ditados evanxélicos e tan de costas ao noso idioma. Unha das aspiracións de Espiña era galeguizar a Igrexa, utilizando o idioma nos oficios litúrxicos, con bastante oposición e perturbación por parte da elite católica coruñesa.

Apostou pola loita en favor do noso idioma, pola súa normalización e co fin de sustentalo nun status emancipado. Espiña foi un dos que iniciaron as actividades da Asociación Católica de Mestres, creada en 1970. Noutra ocasión creou a comunidade cristiá Home Novo, un revulsivo contra os cambios operados na Igrexa do papa Wojtyla.

Manolo Espiña encarnou belixerancia e confronto contra a represión franquista e condenou o réxime co gallo dos fusilamentos de membros do FRAP e de ETA, en setembro de 1975. Nesta ocasión foi procesado e multado con 150.000 pesetas. A súa palabra, certa e puntual, utilizouna como gume co fin de tallar amarras e preconceitos, co fin de esclarecer certas pertinencias evanxélicas e proclamar a liberdade do ser humano.

Coñecín a Espiña nunha conferencia que dei sobre Dereitos Humanos, en setembro de 1973, na Coruña, organizada pola Asociación Cultural O Facho. Ao final da mesma presentóuseme como cóengo da colexiata, viña de parte dun crego amigo meu en Barcelona que lle deu referencias do acto e da miña presenza. Traía unha serie de documentos sobre a reivindicación do galego nas escolas e explicoume a movida da Asociación Católica de Mestres. Aquí comezou unha amizade e unha certa colaboración coa reivindicación do noso idioma. Aos tres meses, xusto o 20 de decembro de 1973, eu ía para A Coruña, desde Oviedo, e nunha parada que fixo o autocar en Luarca, soubemos do atentado de Carrero Blanco. Eu ía cunha maleta chea de voceiros clandestinos, O MallO e calendarios de Salvador Allende. Materia penada polo réxime. Nese momento chamei ao contacto da Coruña que tiña que recoller o material e non respondeu. En Ribadeo e Vilalba liguei de novo e non puiden contactar. Asumín o asunto como moi grave e chamei a Espiña e transmitinlle esta mensaxe: "Chego ás nove da noite á Coruña procedente de Asturias, venme buscar á estación de autocares. É urxente e corro moitos riscos". A esa hora Espiña estaba agardándome, collemos a maleta e no seu auto explicoume a situación da Coruña. Deu varias viravoltas pola cidade e levoume á súa casa, que nunca souben situala, só sei que as ondas marítimas batían preto desta. Comenteille o que había na maleta e que tiña que ir a un hotel por non comprometelo e facer desaparecer o contido. Riuse e díxome que para entrar a policía na súa casa tiñan que traer unha autorización do arcebispo. Polo tanto as súas palabras déronme calma, sobre todo cando sacou da neveira unha botella de champaña e me comentou, con toda a retranca de crego, "esta é para brindar pola túa chegada". A dignidade e o comportamento cívico de Manuel Espiña nunca serán esquecidos por min.