logo opinionPrisciliano, un símbolo necesario -23.03.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Utilmente, continúase a traballar sobre o enigma dun persoeiro como Prisciliano, tan detestado por aqueles que contribuíron a que a verdade non tivese cabida nas doutrinas da Igrexa. Prisciliano foi na Igrexa primitiva, da patrística, un dos seus representantes que achegou conceptos tradicionais da cultura celta, en desfeita pola colonización romana. Na Gallaecia que lle tocou vivir a Prisciliano aínda tiñan respiro as tradicións, os mitos, as prácticas e as crenzas celtas fronte ao paganismo romano e o cristianismo en seu renacer na península Ibérica e con non poucas contradicións e radicalismos dou- trinarios. Prisciliano o eséxeta, o heterodoxo, o gnóstico, o perceptor da nosa cultura preromana que non a deu por finada e tratou de fomentar nunha orde doutrinaria dentro do propio cristianismo.

Prisciliano de Galiza, bispo de Ávila e intelectual discutido por uns e procurado por outros. Desde algúns de seus colegas no episcopado até o pronunciamento tan feroz de Marcelino Menéndez y Pelayo en "Historia de los heterodoxos españoles", deseñouse todo un confronto e unha dilapidación contra as interpretacións priscilianistas. Mais Prisciliano continúa resistindo naqueles que o buscan e o escudriñan. Son moitas as fontes nas que xorde o persoeiro e nas que emerxen as súas doutrinas. Estase a esclarecer cada vez máis a figura de Prisciliano, o mártir de Tréveris, o símbolo dun movemento místico que foi gardado celosamente no que hoxe é a actual Compostela e trocado pola Igrexa oficial finxindo que era o sepulcro do apóstolo Santiago.

Mais agora a verdade fica bastante esclarecida por tantos preocupados en darlle o apousento que merece. Na bibliografía galega actual contamos cunha enorme investigación de Xosé Chao Rego: Prisciliano, profeta contra o poder, que nos define e amplía o persoeiro no contexto galego. Noutra orde de investigacións aparece na Editorial Galaxia, un libro da autoría de Victorino Pérez Prieto, titulado: Prisciliano na cultura galega (un símbolo necesario). Unha douta investigación que nos proporciona o seu autor, escritor e teólogo, que soubo afondar en algo tan necesario como é a presenza de Prisciliano na opinión de intelectuais e investigadores galegos de tódolos tempos, que apercibiron ao asceta e teólogo como o condutor dun movemento popular tan particularizado en Galiza.

Un libro imprescindíbel, o de Victorino Prieto, que nos conduce a moi particularizados alegatos desde a visión de varios escritores priscilianistas e, tamén, antipriscilianistas, que o autor pescudou sobre as orixes de Prisciliano no contexto da cultura galega, nos albores do cristianismo en Galiza e da decadencia do Imperio romano. Así esfiaña as diversas frecuencias historiográficas até levarnos a un apartado decisivo, como é "O eco de Prisciliano na Galiza até a Xeración Nós". Neste apartado transcende o mito do sepulcro de Santiago como transgresor da realidade do sepulcro de Prisciliano en Compostela. A transcendencia priscilianista e moitos dos ritos e prácticas devocionais que se practican en Galiza á marxe do ritual católico, non deixa de ser reminiscencias desa doutrina reprimida e tan perseguida.

Victorino, adéntranos na opinión procurada e mantida por clérigos ilustrados como o Cura de Fruíme e o padre Sarmiento; por ilustres historiadores do Rexurdimento como Murguía, Vicetto e Vesteiro Torres; por clérigos de finais do XIX: López Ferreiro, Amor Ruibal e Pedret Casado. E, pode ser, a maior incidencia de opinión contemporánea sobre Prisciliano, xurdiu dos protagonistas da Xeración Nós, Risco, Castelao, Otero Pedrayo até chegar aos nosos días. Por tanto, Victorino Pérez Prieto ofrécenos unha investigación de talento que dignifica e amplia a figura de Prisciliano.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía