logo opinionO cabo do mundo -30.03.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Nesa fenda sísmica que o Miño traza, entre as terras de Lemos e as de Chantada, onde o río dá unha enorme viravolta, en formato de península que define esa xeografía tan especial que conforma a parroquia chantadesa de Nogueira de Miño, que todos coñecen como O Cabo do Mundo e que lle serviu ao escritor Xabier Quiroga como título da súa excelente novela, recentemente publicada por Edicións Xerais de Galicia.


Unha novela que recupera a memoria silenciada e secuestrada, dun tempo como foi o da Guerra Civil e da represión franquista e dun espazo, o do Saviñao, nas terras de Lemos, concello do que é natural o autor. Estamos ante unha narrativa moi especial, suxerinte e activa sobre a persecución e onde o asasinato era trofeo de criminosos. Isto aconteceu nas terras do Saviñao, naquelas parroquias que rodean O Cabo do Mundo de Nogueira de Miño, como son Mourelos, Santa Mariña de Rosende, Fión, a Cova e Ribeiras de Miño, esta última de Pantón. Velaquí o escenario escollido e reiterado por Quiroga para desvelar nomes e vertebrar lugares; a decencia dunha loita e dunha dignificación rebelde de moitos daqueles rexos viñateiros curtidos na brea dos socalcos da ribeira destas parroquias miñotas.

O lugar de Mazarelos, na parroquia de Fión, hoxe despoboado, adquire un papel importante dado que un dos persoeiros centrais era deste lugar que, por outra banda, conforma un centro estratéxico do que emana a atención de boa parte do que aconteceu nesta zona do Saviñao, circunscrito no Cabo do Mundo. Realidade e ficción estratificadas nunha serie de convivencias alteradas pola tolemia represiva que por estes eidos sucederon. Nomes de vencidos e de vencedores, uns co orgullo de ser libres e outros coa euforia de ser macabros asasinos. Así se particulariza este microcosmos tan especial como foi durante a Guerra Civil e a represión de posguerra O Cabo do Mundo.

Nogueira de Miño, a parroquia do concello de Chantada máis combativa, a última en caer en mans dos falanxistas, claudicando o 27 de xullo de 1936. Era de esquerdas, tiña unha enorme poboación que moraban nestas encostas de ribeira, cercadas polo Miño nese Cabo do Mundo. Vivían da produción do viño como as parroquias lindantes do Saviñao. Esa vella estirpe labrega de ribeiraos que fixo historia ben particular en moitas fazañas e valentías. Un deses labregos de Nogueira, Manuel Pardo, emigrou a Cuba en 1918, e tivo máis de dez fillos, oito deles serviron á revolución e moitos deles acadaron o grao de comandante e xeneral. Ruben Pardo foi un dos que loitou ao lado do Che, e que este destaca o seu nome no seu Diario. Os de Nogueira enfrontáronse aos aparellos represivos no Cabo do Mundo e só eles o señorearon, como moi ben se explica nesta excelente novela.

Xabier Quiroga dános unha serie de claves deste contorno ribeirao entre as terras do Saviñao e de Chantada, colocando unha serie de homes e mulleres que interviran en ofensiva e defensivas ante o acoso fascista, vencendo obstáculos como a enorme divisoria de río. Barcas a pasar xente, mensaxes, estratexias de supervivencia neste Cabo do Mundo, onde os famosos e recoñecidos escapados fixeron vida e convivio; parapeto de dignidades foi este noso Cabo do Mundo, rexurdido neste enorme memorial de Xabier Quiroga. Un autor privilexiado polas súas indagacións e por encarar un tema nada fácil e de colocar a tantos persoeiros que unhas veces teñen un papel lineal e outras entrecrúzanse.

Aquí aparecen persoeiros, historicamente célebres como o Curuxás e o Piloto. Este último estivo agochado no lugar de Sernante, da parroquia de Nogueira, nos rentes do Miño que este asolagou co encoro dos Peares. Unha novela que vai alén do interese que poida ter este tipo de narrativa da nosa historia máis recente.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía