logo opinionNo centenario de Antonio López Ferreiro 06.04.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
O último 20 de marzo cumpriuse o centenario da morte de Antonio López Ferreiro (Santiago de Compostela, 1837-Vedra, 1910). Naceu vinte e catro días despois do nacemento de Rosalía de Castro. Pertenceu a unha xeración ilustrada que abriu diversas canles para que Galiza valorase o seu e reivindicase a súa cultura e dinamizase o seu idioma. Neste proxecto, encontramos a D. Antonio López Ferreiro, un clérigo ilustrado que cursou Filosofía e Letras, e chegou a cóengo da catedral compostelá. A súa figura e o seu compromiso sintetizouno desta maneira M. Quintáns: "Bo galego, bo sacerdote, bo historiador".

Como escritor en lingua galega foi autor de tres novelas históricas. A primeira delas foi a máis famosa, titulada: A tecedeira de Bonaval, seguiron O castelo de Pambre e O niño de pombas, tres novidades para o noso Rexurdimento literario e, sobre todo, para un xénero que comezaba a andar. López Ferreiro apostou polo noso idioma, rehabilitándoo nas mencionadas novelas e acolléndose ao uso do galego que con anterioridade fixeran o Padre Sarmiento e o cura de Fruíme e moi poucos máis, dentro daquela Igrexa férrea, convulsiva e conservadora que non daba concesións a outra lingua que non fora o castelán. Por iso é que D. Antonio López Ferreiro foi unha testemuña viva e coherente que rachou con prexuízos que o propio clero tiña institucionalizado. Para aquela época, a súa postura foi relevante e, presumiblemente, aceptada por un clero que estaba moi á marxe dos acontecementos e depresións polos que pasaba Galiza. Aínda declarándose "tradicionalista hastr"os miolos", preguntouse sobre o futura do noso idioma: "¿Hai esperanza de que a nosa faliña seya algunha vez estudiada e cultivada con todo aquel aparato de nocións filolóxicas, etimolóxicas e gramaticais que hoxe se estilan?".

López Ferreiro tamén foi un historiador que se introduciu en varios temas eclesiásticos de Galiza e entre eles a sobresaínte e magna obra de once volumes Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Aquí están valorados os seus maiores rexistros como historiador, como o pulcro investigador que foi ás fontes documentais do Arquivo catedralicio e que moi poucos tiveron a paciente inventiva de ordenar unha documentación, en moitos casos, sen darlle unha lectura ben escudriñada e organizala para lograr un resultado óptimo como o que nos ofrece este insigne clérigo.

A vida intelectual de López Ferreiro sobresaíu das normas eclesiásticas e dos ditames dun cardeal tan retrógrado e tridentino como foi Martín de Herrera. Evidentemente, este cóengo galeguista soubo procurar outros horizontes alén dos postulados que a xerarquía arcebispal era allea a eles e mesmo combatía certos temas sociais no momento de encarar a problemática galega. Defender a lingua, naquela época, ante un cardeal foráneo e tan amante do castelán, foi un prodixio para Antonio López Ferreiro pola súa defensa.

Por outra banda, López Ferreiro foi o primeiro investigador contemporáneo do simbolismo románico en Galiza, á marxe do Codex Calextinus que revela unha temática de interpretación simbólica. Para os que andamos na lectura de símbolos románicos -no meu caso- vexo a López Ferreiro como o precursor e o estudoso da iconografía do Pórtico da Gloria, daqueles aspectos bíblicos que foron interpretados tan minuciosamente por el. Un punto de partida moi esclarecedor para os que chegamos moito máis tarde a estudar estes símbolos, con outras perspectivas bibliográficas que o propio López Ferreiro non contou. As súas premisas hai que nas ten en conta como punto de partida e como fonte referencial. Os seus estudos do Pórtico son referencia no libro de Rafael Silva sobre este monumento románico.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía