logo opinionPederastia clerical - 27.04.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
A pederastia clerical ocupa un escenario, nos medios de comunicación, que nos destapa a capacidade do monstro en seus formatos agresivos e nas súas diversas maneiras de atrapar as vítimas, ás mais desprotexidas e alimentadas pola pobreza e por tantas decadencias sociais que asisten a tantas criaturas que viven na lama da desigualdade. Mais se a isto engadimos a minusvalía física e psíquica, todos aqueles que representan a falta de capacidade para resistir o depredador sexual, estamos falando dunha agresión que asocia varios traumas en quen a padece, como é o maltratamento físico e a ausencia emocional: toda unha cadea traumática que desde a infancia teñen que soportar as vítimas de por vida e moitas veces sentíndose culpábeis de algo que eles non buscaron nin desexaron.

Na longa historia da humanidade contémplanse horrendos abusos e crimes cometidos por pederastas e pedófilos que foron criminalizados os mínimos, outros perdoados polo seu rango social ou relixioso, moitos deles ocultados e os máis nin sinalados pola súa opulenta influencia e identidade co poder que enarbora silencio. Calquera referencia que destape o pederasta relixioso para penalizalo atoparase co tabú do poder, sempre precoz nas súas monstruosidades, agasallando protección aos agresores. Desta vez, ao monstro da pederastia e da pedofilia véselle todas as súas potencialidades agresivas, na súa propia carnaza; na súa licenciosa lascivia, emancipado de furia e agresividade connotando o seu dominio sobre os desprotexidos. O monstro eclesiástico. A vaidade das vaidades na súa propia salsa. O monstro anatemizando nas súas prédicas as maldades bíblicas de Sodoma e Gomorra, e o desleixado monstro convertendo os seus súbditos en sodomitas e gomorritas.

A ninguén estraña o cambio de cores, de pareceres, de fórmulas verbais co fin de desligar a horríbel realidade para revestila con ousadas mentiras, botando man da hermenéutica caseira para interpretar o non interpretábel; disfrazan o irreversíbel con conceptos hermenéuticos e poñen tebras onde debe resplandecer a luz. Cando o cardeal Rouco Varela sae pola tanxente, sinalando esas monstrosidades e denominalas como un "grave pecado". Pecado de que! É un enorme delito, materia de tribunais e non de hermenéuticas particulares que o cardeal pon en acción.

A luz da doutrina evanxélica, tantas veces desprezada polos fillos da Igrexa que sustentaron prédica inversa, lapidaron estas palabras de Xesús de Nazaret: "Non lles deades o sagrado ós cans nin lles botedes as vosas pérolas ós porcos; non sexa que os esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen" (Mateo 7, 6).

Mais a vergoña destes deístas que poñen a Xesús como testemuño e escudo dos seus actos, cambiaron perfección por perfidia e deostaron o máis sensíbel da idade humana, que son os nenos. E desta vez pisaron a palabra do Nazareno: "Quen acolle este neno no meu nome, acólleme a min, e aquel que me acolle a min, acolle a quen me mandou" (Lucas 9, 48). Con este texto podemos dicirlles aos doutrinarios que transgrediron o ensino evanxélico e a máis mínima ética e moral establecida.

Todos aqueles que fixeron perxurio, abusos ou ocultación dos mesmos, desde calquera crego até calquera Ratzinguer, pasaron polo moño de dona Petronila, o que di Xesús no Evanxeo de Marcos 10, 14-15: "Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo impidades, porque deles é o Reino do Ceo. Asegúrovos que aquel que non nos reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel". Están excluídos dese reino cregos e xerarcas que cometeron delito? Polo que parece pouco lles importa, a interpretación hermenéutica está por enriba do mandato cristián. Polo tanto, moito ollo para aqueles pais de nenos que confían na santidade e honradez de certos eclesiásticos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía