logo opinionXé Candongueiro 11.05.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
O poeta angolano Décio Bettencourt Mateus, autor do poemario Xé Candongueiro, tráenos unha ofrenda, unha crítica, unha impresión, unha revelación e unha resistencia do que emerxe, converxe e unifica. É así como a poesía se nutre tanto do concreto como do imprevisíbel. A imaxe que nos transmite o autor transcende alén do que podemos imaxinar. A poesía que sae desa caixa de tormentos, de fantasías e de realidades formadas por desexo do poeta, moi poucas veces entra en contradición coa vida real. O persoeiro de Xé Candongueiro está cuberto por ese realismo tráxico e tétrico convertido en memoria colectiva. Un persoeiro dedicado á candonga (transporte de persoas), a súa vida tamén camiña sobre as rodas da peripecia; el vai sobre os seus sobresaltos rudimentarios.

Así é como Mateus reconstrúe unha historia dun deses moitos homes da terra, do cotián dese mundo acelerado e sangrante. En África todos sangran de diversas maneiras e intensidades. Todos comprenden que a Mai Terra está ensanguentada, e calquera poeira cheira a sangue. Así foi configurado Xé Candongueiro, por formar parte desa terra viva que non esmorece, mentres a pel ampare os ósos. Por iso que o poema relata, simbolicamente, un home común que nos seus traballos excesivos representa para o poeta o prototipo de millóns de persoas que loitan pola súa existencia en Angola e no continente africano.

Neste libro hai poemas que se funden na presenza poética de Agostinho Neto, o primeiro presidente de Angola. As tendencias dunha xeración poden ser mostradas de diferente maneira por outras xeracións posteriores, en equivalencias ben distintas e sempre acicaladas ao problema existencial da comunidade nacional. A necesidade de responder a problemas básicos que non teñen mudado fai que a configuración de varios poemas incidan e expliquen os desconcertos e as penalidades dun individuo, como Xé Candongueiro, ou dunha sociedade complexa. Mais as condicións alegadas dun problema concreto non deixan de ampliar a denuncia que o poeta recolle puntualmente, ampliando ou simplificando imaxes dos guetos de miseria.

En Xé Candongueiro hai un poema, titulado: O silêncio das gentes no que Bettencourt Mateus retoma apreciados ecos da poesía da Geração de Mensagem, a grande expresión da poesía angolana. É por iso que Mateus aumenta a súa crítica contra os africanos que imitan a opulencia dos colonizadores europeos e o neocolonialismo e o desfase desa África asimilista. Digamos que os poemas deste libro expresan unha dose de belixerancia contra fórmulas e condutas estereotipadas e tipificadas na cultura occidental.

Estes poemas de supervivencia existencial procuran dignidade para o home e para os seus coterráneos, no seu propio berro de lealdade. Nestas continxencias poéticas de Décio Mateus, non atopamos ningún afán mesiánico ou profético, soamente a crítica núa contra os poderes sociais e económicos que limitan presaxios de igualdade. Nestes poemas está a exaltación da terra angolana e, tamén, a crítica contra as convulsións e contradicións polas que pasa África toda. Como este poemario non é unitario, atopamos diversos rexistros, e, nun deles, contémplase a esperanza. A esperanza para o pobo angolano ten moitos significados, un deles é a forza do pobo de transformar o país, igual que as augas do río Kwanza (o mais caudaloso de Angola) que fai que xermolen os campos secos. Agostinho Neto fala deste río, como prototipo de esperanza, de transformación e de desenvolvemento de Angola.

Outro dos rexistros deste libro é a invocación identitaria que ten significados profundos na descuberta da cultura e das tradicións angolanas. Estamos ante un poeta que emerxe e conflúe de problemáticas moi concretas e dunha poesía desafiante e de esperanza.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía