logo opinionCastrolandín - 25.05.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Cando un pasa pola terra de baños, Cuntis, un fai parada obrigada para visitar ao douto amigo, Heitor Picallo Fuentes, que sempre ten un agasallo, unha primicia e unha descuberta como sorpresa e ofrenda. Cuntis, todo el, é unha sorpresa que Heitor vai dosificando por etapas para que as dimensións de cada elemento, que esta terra de vella estirpe exhibe, non se entrecrucen ou extorsionen a lexítima imaxe que o sentido óptico codifica.

Castrolandín -que aínda non coñezo- é unha das factorías de xacemento castrexo, de cuxas escavacións xorden elementos básicos para reconstruír o legado máis lon- xincuo da nosa historia comunitaria. A Fundación Terra Termarum, ten un protagonismo especial na dirección do proxecto e da execución dos traballos que corren a cargo do Instituto de Investigación Tecnolóxicas, Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e paisaxe (Unidade asociada ó IEGPS-CSIC) e a USC. Ademais colaboran a Comunidade de Montes de Castrolandín, Comunidades de Montes de Campo, Amigos dos Castros e diversas institucións.

Na sede da Fundación Terra Termarum hai un taller de formas cerámicas no que se reproducen aqueles formatos e decorados xeométricos que conforman a cerámica, que nos veu dada desde o século cuarto antes da nosa era, ate o século un despois da nosa era, xa en plena romanización. Na sede desta fundación, están Sandra e Luís ao fronte dese fascinante labor de recuperación de formatos e de todas esas expresións decorativas onde predominan elementos xeométricos. Estes dous mecenas saben de belas artes e de arqueoloxía e reconstrúen eses anaquiños de cerámica castrexa que tantas evidencias achegan á nosa cultura. A historia do noso país reconstrúese con eses cachiños que aparecen nas escavacións, en inscricións pétreas e en pergameos esquecidos. Buscar e reconstruír todos eses arteluxos, equivale a reconstruír nación e integrarnos na historia comunitaria dos nosos antepasados. Buscar as nosas raigañas en terra esquecida e vulnerada polos que tentan que eses cachiños fiquen sepultados para que o noso pobo irredento non teña memoria. O que se fai en Castrolandín é recuperar historia irmandiña; memorando perpetuo dunha poboación ben antiga que soubo harmonizar unha enorme obra de arte, cando máis coidaban da súa existencialidade que nunha expresión artística.

Sandra e Luís están aí nese parámetro necesario, restituíndo esas formas tan primarias que decoraron olas e pucheiros e outros utensilios funcionais do lar. A persistencia tan individualizada e categórica desas expresións que se alimentan do psíquico e dunha idea cosmogónica de integrar neses baixos e altos relevos formatos simples que continúan sendo unha incógnita para quen intente describilos.

Formatos que tiveron continuidade en tantos elementos decorativos, comezando pola arte máis simple e popular que vemos en decoracións de portas e fiestras, en xugos e en varios temas de decoración rural. Mais este tipo de cruces aspadas, liñas verticais, en oblicuo e diagonal, así como círculos e liñas en zigzag, foron motivo de sacralización que o cristianismo lle deu un novo sentido, para desartellar a carga pagá e o seu sentido vital co fin de eclipsar toda aquela formación de elementos sacralizados. E estes mesmos formatos aparecen en múltiples igrexas, en pías bautismais, capiteis e cornixas románicas. Un portento de formas para persistir e dinamizar esa lexítima creativa que os nosos antepasados, apousentados nos castros, deron intemporalidade a formatos que persisten e que son agora interpretados de moi diferente xeito pero sempre pretos á nosa idiosincrasia. Castrolandín é un exemplo de descuberta que expresa dunha soa vez moitas suxerencias, unha delas é continuar buscando esas expresións que dignifican a nación.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía