Saramago - 22.06.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Non é fácil atopar persoas como José Saramago, fiel ás súas orixes campesiñas, que levase sempre, como brasón revolucionario, o combate contra a pobreza que rodeou e ensumiu aos seus, na súa Azinhaga nativa. A conciencia das orixes humildes foi sempre orla e atributo que Saramago puxo á súa fronte como arma emancipadora de si mesmo e do colectivo campesiño sen terra, nese inmenso Alentejo desértico, latifundista e sen sombra. Os asalariados teceron a máis estrita irmandade, como amosa esta cantiga popular, nada inxenua e sempre precoz no que atinxe ao solidario: Assente-se aqui menina,/ À sombra do meu chapeu,/ O Alentejo não tem sombra,/ Senão a que vem do céu.

A esa antiga estirpe de xornaleiros, acostumados á fatiga dos traballos impagábeis e das inxustizas dos terratenentes e da propia administración, pertence José Saramago e que tantas veces ten significado a humillación e a miseria, non consentidas polos alentexanos. E neste contexto esclarécese a personalidade de Saramago. El formou parte desa vitalidade popular e combativa do campesiñado do Alentexo. Ser fiel ao ideario comunista significou, para este escritor, ser fiel ao pobo asalariado e combativo que era, nunha alta porcentaxe, comunista. Saramago sabía puntualmente das precariedades e dos abusos perpetuados no Portugal de Salazar. El foi testemuña de grandes convulsións revolucionarias que se produciron no Alentexo, como a do 19 de maio de 1954, onde os segadores, en folga e protesta, foron reprimidos, asasinando unha segadora analfabeta, Catarina Eufémia (1928-1954), icona do Partido Comunista Portugués e referencia de dignidade e combate do pobo alentexano. O apelo exemplar de Catarina Eufémia, está iluminado en varios textos de Saramago.

Esa dignidade tan puntual e tan esclarecida e invariábel no premio Nobel, vinda da lealdade popular, ten moitos significados e lecturas daquel neno de Azinhaga que ao lado de seus avós contemplou a desigualdade social; a impotencia dos menesterosos e o abuso das clases potentadas. E todas esas frustracións dos seus -proletarios de todo o mundo-, conformou esa potencialidade esclarecedora na busca dun universo no que se contemplara a dignificación do ser humano: principio marxista que rexeita de todo tipo de explotación. E nesta dirección, Saramago foi un fiel intérprete contra as constantes violacións que se fan desde moi diversos estamentos e poderes opresores contra os mais débiles.

A súa pluma, áxil e non demorada, puntualizou a denuncia de dramas existenciais e a falta de xustiza social naqueles lugares deprimidos pola pobreza, mais tamén polo dereito a rebelarse e combater calquera depredación que soporta o ser humano. Saramago, nesta dimensión, non foi un intelectual acomodadizo, por ser premio Nobel, non se encorsetou como tantos o fixeron. Foi fiel así mesmo e ese don de ser directo e nada confuso, proclamou verdades que están no gume de toda conciencia solidaria. As fendas que propiciou Saramago, desde moi diferentes propostas de pensamento filosófico e sobre temarios que moi poucos se atreveron a puntualizar, emerxe unha serie de realidades no que a sociedade global está sometida a conflitos propiciados polo poder dominantes creando esa desesperanza que depara ao ser humano.

Esperemos que o silencio non sirva de manto para encubrir a palabra xenerosa e ardente que o Nobel portugués preponderou fronte a insidias políticas e relixiosas. O seu verbo ten que servirnos de baluarte e resistencia nesa confrontación desigual que está padecendo un mundo en miseria fronte aos opresores.

A miña admiración por José Saramago supera algúns desencontros teóricos que podemos ter con relación a determinadas opinións que el expresou sobre o idioma galego e a integración de Portugal a España.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras