Castelao, no Museo Provincial de Lugo - 29.06.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Non é novidade a presenza de Castelao no Museo Provincial de Lugo. Aquí ten un dos máis recadados espazos con seus debuxos desde o 18 de decembro de 1965, data en que o filántropo e galeguista republicano, Álvaro Gil Varela, doou a excelente e persoal colección debuxística de Castelao, pola cal este museo é un dos que se fortalece cun fondo permanente de Castelao dos máis interesantes da súa creación artística.


Da presenza permanente de Castelao temos o destaque da presenza temporal dunha das máis interesantes exposicións do rianxeiro que se acolle no Museo Provincial de Lugo, desde finais de abril até o próximo 10 de xullo. Leva por título: Castelao: a derradeira lección do mestre. Este título indica, puntualmente, que estamos ante un dos memorandos que Castelao fixou para a memoria. Certos e magoantes sucesos da historia de Galiza -sangrantes acontecementos- están codificados na obra pictórica de Castelao. Agora que tanto teiman os mecenas do xuntoiro en eliminar elementos fidedignos desa historia macabra que se rexistran con nomes e apelidos que tratan de borrar. Castelao é a insignia e a consigna de valorar esas imaxes que descobren o verdadeiro rostro da barbarie. A aniquilación física dos que discrepan, dos que se revelan coa palabra para defender a esperanza e o soño dos desherdados, está vixente.

Nesta exposición podemos apreciar o latexo do cotián, nas súas máis reflexivas instancias da vida postergada e tantas veces aniquilada por esa Lex que está no cadaleito que unha anciá labrega leva sobre súas costas. Os poderes fáticos en rendíbel asoballo, na crítica de Castelao que, nestes casos, non é impasíbel e mostra esa coherente sensibilidade naqueles casos onde a dignidade do cidadán é ignorada e desprezada.

A crítica, como base de debate, atopámola en moitos destes seus debuxos que ilustran consabidas anormalidades escurantistas de poderes como o relixioso. Na estampa titulada: Oxe sácase ánima. Na que vemos nun vetusto e escuro pórtico románico un cego demandando esmola, con calzas esfarrapadas e cuberto dun mandil, mentres unha muller aldeán, con saial negro e cuberta cun pano que lle tapa seu rostro, como aparentando unha fantasma, introduce unha moeda nun cepillo de ánimas do purgatorio. Esa dureza de ignorar os da súa clase seguindo os designios tradicionais e a carga tan orquestrada por unha Igrexa insensíbel cos máis precarios e desprotexidos, atopamos en Castelao esa crítica tan puntual sobre a transgresión inhumana que fomenta a Igrexa.

Alén dos albuns Galicia Mártir, de Atila en Galicia e Milicianos atopamos outras individualidades que propician esa autenticidade con que Castelao erixiu a todos eses persoeiros populares, fundamentados na ironía e na crítica contra os poderes que lle negan o pan e o sal á cidadanía. Todo un escaparate, de podente sensibilidade, para recuperar a memoria e ver o pasado máis noso doutra maneira ao que nos tratan de camuflar con intereses ideolóxicos, para descolocarnos e rexeitar da memoria popular.

Nesta exposición está o esforzo e a lealdade por parte dos que fixeron posíbel esas achegas dese Castelao que está en museos e en coleccións particulares. Castelao sempre!, coa lección de todos os mestres que trataron que Galiza fose outra ben diferente a que tratan de impoñernos. Un fecundo planeamento por parte dos comisarios desta Exposición, María Pilar García Negro e Felipe-Senén López Gómez. Todo un excelente traballo exposto nesa exposición como no catálogo desta que nos leva a esa lectura Por un Castelao á vista, como o proclama Francisco Rodríguez. Aquí revivimos esa Galiza intensa e dinámica que por ela loitou Castelao, no campo aberto das ideas e sen enmascararse.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras