logo opinionAs vidas fascinantes de Vázquez Pintor - 20.07.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sorprenden as novas literarias que nos trae Xosé Vázquez Pintor, co título: Máis vidas (Espiral Maior/Narrativa). Unha creación para recrearnos nesas vidas estelares e moitas delas decadentes que se confraternizan, transversalmente, neses sesenta e tres títulos que dan vida a un dos nosos mellores libros da narrativa galega actual, que nos vén dun escritor experimentado en inventivas varias e un excelente captador de sensibilidades que campan na escrita, ben artellada e sen reducionismos, e no que respecta a configuración dun estilo moi singular e particularizado nesa distinguida sobriedade de rigor que confirma unha dialéctica, na formulación de distinguir a palabra xusta en cada un dos itinerarios trazados.

Non é fácil dimensionar eses persoeiros de extremadas vivencias e actitudes nesa mestura de pasado imaxinario e da actualidade vivida, que o autor espraia nestes capítulos. O imaxinario de Vázquez Pintor, presente en todas as xeografías vividas e naturalizadas do seu microcosmos do Quian nativo, nas sorprendentes forestas de Agolada, por onde o río Arnego cursa os seus ritmos en harmónico son, ou a marítima Cangas que esculcou de antano as cantigas e os acenos de Martín Códax.

O home na súa terra, deixándose sorprender polo herdo natural da observación. Pintor está mesmo nas coordenadas da antiga sabenza, do que non se pode falsificar; de ser puntual na captación das cousas en extremis. E neste libro hai elementos que non falsifican a vivencia e o sentimento do narrador. Da observación impávida ante o seu microcosmos, tan naturalizado na obra de Pintor, atopamos no capítulo, titulado: Titus Luisius Cassianus F. Hortensis N. Aemilia, o que segue: "Moucho moito mouchea na noite longa. Lanza os láser, tenta co radar aquel paso silandeiro das agullas. Arrinca en vo rasante, case aterra a un paso e chega o medo ao ridículo de o ver mansiño, sen violencias, á deriva de si mesmo, cara a onde vai el romeiro, só. Coruxa e bufos non están para outra volta inútil e óllano ir, mastigan, mandan un berro ao profundo dos papos para dar consolación: uuuh uuuh uuuh". O observador aínda recunca noutras nóminas estilísticas atesourando esa riqueza léxica, manifestada neste libro e ordenada coa palabra non exaltada, sempre equilibrando as testemuñas dun universo cismado en non desaparecer.

Así cabalga Pintor co seu mester de indagación, na procura deses persoeiros da antigüidade e do presente. Nesa súa paixón de describir e atenuar a seres postergados, mais sen desterro e sen caretas. Completos e vividos nos arrecendos deses ares puros que as terras da Aqua Lata romana lle deparan a este escritor na existencialidade da Agolada de hoxe. Velaí os títulos de nomes latinizados que volven amparar a terra e a quen a habita en impares desasosegos. A presenza e o diálogo de seres de aquí, tan nosos e tan confirmados neste libro, aparecen con naturalidade. Ollen senón, no título: Caecina et Chilo, que di: "O Vello do Norte deixou tres fillos e unha nai noviña, de ollos negros, cheos de noite. Tiña o riso de valquiria e luminosos os labios das palabras que aprendera á vista dos fiardos". (...) "Os dous casaron os corpos na noite de xaneiro, fría e estrelada: apalpábanse cos ollos as pedras do Camiño de Santiago e os puntos da úrsida minor, de fauce e rabo de pouta a lombo crespo aló no Alto Paraíso, tanto azul coma cruzado".

As palabras, nese deixarse ir no concreto de Pintor, manifestan as súas máximas nese xogo manso en que se configuran e guarnecen os seus persoeiros. Cada un deles coa súa propia historia do que aconteceu e do que aínda se depara. Nesta narrativa está o canto e o conto de vivencias que se alternan na apertura dunha descuberta exemplar que nos ven de Xosé Vázquez Pintor.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía