logo opinionO clamor da rebeldía - 27.07.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (Editorial Sotelo Blanco), da autoría de María Pilar García Negro, é un libro que acadou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010. Xa dentro das súas entretelas anotamos algo suxestivo que continúa ao título: "O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalianos".

A autora advírtenos de que estamos ante unha investigación que parte desde 1993, na súa medra configurou esta entrega de preto de duascentas páxinas. Un libro puntual para celebrar a palabra e o pensamento rosaliano, no CXXV aniversario do seu pasamento. Dobre evento que nos depara Rosalía e esta investigación de María Pilar, que será o útil ascensional que lles dá continuidade a nobres descubertas sobre a nosa poeta nacional.

García Negro é profesora da Universidade da Coruña, que non anda detrás de acenos superficiais, senón que afronta a indagación dunha maneira pragmática e solvente sobre persoas cimeiras da literatura e da política galega. Entre as súas preferencias deu ao prelo gratas investigacións sobre Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Castelao, Ramón Vilar Ponte, María Mariño e Marica Campo. Chegar mesmo ás arterias de cada unha destas persoas e desdobralas en moi diversos aspectos, representa para o lector atoparse cunha estrutura dinámica de coñecemento grazas a ese lonxincuo itinerario polo que transcende María Pilar García Negro.

Estamos ante unha investigadora que nos leva a esa Rosalía transcendente ao xénero avant la lettre, como nos di María Pilar, xa antes de calquera recoñecemento oficioso ou de opinións sobre a situación de desigualdade e dominación da muller, Rosalía resúltanos precoz en puntualizar varios extremos sobre o desequilibrio de xénero que ela connota en varios dos seus poemas. A dispoñibilidade de Rosalía en recoñecer o valor feminino e a transcendencia que tiña que ter a muller nunha sociedade castrada e manipulada, onde ser muller estaba considerada ser de terceira categoría e quizais unha rareza natural. Rosalía sufriu nas súas propias carnes a vileza daqueles tempos, por ser filla de solteira, e ademais de pai crego, sendo vítima dun ocultismo interesado por parte da súa mai para que aquela sociedade non a marcase, como se marcou os xudeus para levalos aos campos nazis.

Rosalía centrouse nos valores a conquistar e comezou por dedicarlle Cantares gallegos a outra muller e escritora, Cecilia Böhl de Faber y Larrea, que ocultou o seu nome baixo o heterónimo de Fernán Caballero. Rosalía faino "por ser mujer", tamén, "por ocuparse de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país". Na dedicatoria, converxen dúas claves de interese, a liberación da muller galega e a da súa patria aldraxada. Dous puntos de partida que García Negro entra neles extraordinariamente. No prólogo de Cantares gallegos está a exaltacións ás diversas xeografías que configuran a nación galega e resalta os agravios daqueles que "sin razón nin conocement" algún nos despreçan, qu" á nosa terra é dina d" alabanzas, e qu" á nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran".

Muller e patria: nobelo para de- sempoar, desenvolver e tecer a bandeira da liberdade de Galiza. Esta foi a consigna máis inmediata de Rosalía. As esencias feministas xurdidas da traxedia das viúvas de vivos e mortos. A desigualdade de xénero revélase en non poucos poemas de Rosalía. A liberdade da muller recóllese na introdución que fai en Follas novas, titulada: Dúas palabras d"a autora. Rexistros orientados a denunciar as penalidades da muller galega, que María Pilar García Negro nos adentra con propostas de peso sobre o clamor rebelde de Rosalía.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía