Encontro Irmandiño en Sober - 10.08.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sober é un dos territorios do sur da provincia de Lugo que ofrenda a visitantes unha gama de sorpresas inauditas. O concello de Sober conforma esa terra telúrica de entrambas augas do Sil e do Cabe, por onde o río se deita nesa fenda sísmica de rocha portentosa e sacralizada, do denominado canón do Sil, con seus miradoiros cara ó norte de Ourense que remata e do Lugo que comeza. Aí está esa grandeza natural configurando paisaxe panteísta nesa vella Riboira Sacrata, de Santa Cristina e San Estevo de Ribas de Sil, berce e cume de eremitas e cenobitas que poboaran as terras soberinas e delas recolleron aquela tradición sacralizada de tantas mostras figurativas de petróglifos que aínda campan nas rochas de Proendos, ese microcosmos ou escenario dunha rica arqueoloxía milenaria. A presenza romana deixou a súa pegada en varios horizontes desta xeografía excepcional. Aquí está o exuberante presbiterio románico que sustenta as pinturas epifánicas do renacemento. Casas pétreas e soberanas feitas á medida desa vella estirpe labrega que se percibe en Proendos.

Milenarios castiñeiros do souto de Lobios e de Bolmente, testemuñan as antigas convivencias do común que recolleron tradición. Paisaxes dionisíacas de Amandi e Doade, onde Baco ofrenda seus viños con sabor único da impetuosa terra feita á medida de sol e néboa. Nesta terra, de comunal esencia e de irmandiña vocación, o pasado sábado xuntáronse uns douscentos irmandiños e irmandiñas e simpatizantes -cifra emitida por certos medios de comunicación- que tivemos como guía a esa moza chamada Paula, chea de talento intelectual e de plenitude xuvenil, que nos guiou por estes suculentos eidos de Sober e nos descubrir o esencial dunha Galiza inmorredoira que se manifesta nestes territorios.

En Sober detectamos ese sabor a tradición comunitaria que se manifesta nesa banda de música que vai celebrar os seus cento cincuenta anos de existencia. Existe un impagábel traballo feito por un dos pioneiros da comuna irmandiña de Sober, como é Alfonso Campos, o home puntual en recompor ese crebacabezas descomposto e espallado, de múltiples peciñas que particularizan refacer nación. Persoas puntuais nesa amatoria de terra reverenciada, como é o caso de Luís Fernández Guitián, a quen se lle deben certas mesuras e reencontros.

Os nosos mecenas do sábado, foron Paula e Alfonso que en ambas as dúas leccións didácticas constataron exercer primordios nese intenso e inaudito programa de actos que se celebraron coa visita a Proendos. Despois o xantar popular en Cadeiras, nos rentes desas penas pagás e sacralizadas nese amor desbordado que deixaron nestas terras míticas nosos antergos. Na tardiña baixa resoaron os acentos elexíacos de Uxío Novoneyra, na voz de seu fillo, Uxío Novoneyra Rei, foi o contributo dos irmandiños de Sober ao noso gran poeta, sementador de esperanzas e mais de ires por terra liberada. Despois veu unha visita á adega Priscillus, en evocación o eséxeta Prisciliano.

Entre lusco e fusco, en Sober, Paula abriu o acto dedicado aos loitadores republicanos do municipio asasinados polo franquismo. Un acto de recoñecemento aos que foron silenciados pola ditadura. As imaxes en CD e as explicación puntuais de Paula, suxeríronlles aos presentes moitas conformidades para amar esta nosa Terra e descubrir seus avatares.

O remate do programa irmandiño veunos do irmandiño maior, Xosé Manuel Beiras, que pronunciou unha conferencia, baixo o título: A crise: consecuencias e alternativas. A consabida sabenza de Beiras exposta en varios parámetros da súa intervención, tan personalizada na orixe da crise global e esplendidamente matizada no caso galego, revelou varias conclusións no que atinxe a configurar conciencia, loi- ta e perseveranza. Beiras continúa sendo imprescindíbel.