logo opinionIsaac Díaz Pardo nos seus noventa anos - 24.08.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
O pasado día vinte e dous dos correntes, Isaac Díaz Pardo entrou noutra dimensión pola ascendencia de idade, xusto nos seus noventa anos de existencia, mais cabe cuantificar a súa fecunda permanencia en tantas realidades que o noso país lle debe, por cambiar certas andainas e atrasos que conmovían a todos. Isaac soubo concentrar os seus esforzos en cousas nobres que dignifican Galiza. Comezando pola súa identidade e implicándose nun traballo silencioso pero eficaz, que a través dos anos deu resultados contundentes grazas ás súas iniciativas.

Non é fácil falar dunha vida tan pormenorizada como a de Díaz Pardo, o home miúdo e de ideas amplas, que sempre está nos ámbitos necesarios que Galiza precisa para superar os seus letargos. Non foi fácil a vida de Isaac na súa adolescencia, cando o fascismo irrompeu na Guerra Civil, asasinando a seu pai, Camilo Díaz Valiño, unha das personalidades máis interesantes do cartelismo pictórico modernista de Galiza, que abriu e ampliou certeiros procesos na inventiva artística do noso país. Isaac, que viviu no contexto dunha familia comprometida e implicada co rexurdir dunha Galiza innovadora, viuse perseguido e amordazado, nesa situación ditatorial. Mais soubo transcender e transitar por camiños nada fáciles, superando adversidades de intensas conmocións e sobresaltos.

Sen Isaac Díaz Pardo, protagonista de tantos quefaceres, ilusións e esperanzas, o perfil de Galiza sería outro ben distinto a como o coñecemos hoxe. Toda esa emanación da autenticidade identitaria lexitimada na súa creatividade pictórica, é froito e portento dese caudal de sentimentos que Isaac manifesta sobre o real patetismo do noso país.

En todas as súas transhumancias espallou a cultura e a idiosincrasia galega; preponderou nunha galeguidade emerxente e de referencia que non será fácil de esquecer ou eliminar. As andainas de Díaz Pardo deixaron pegada e fenda aberta para reconstruír nación. Neste limiar dos seus noventa anos, cabe rescatar memoria útil, dun dos nosos homes máis prolíficos, que marcou un período de lexitimación do que se perdía e abandonaba.

Desde Arxentina, xunto con Luís Seoane, proxectou a fábrica de formas de cerámica de Sargadelos. Os dous foron os verdadeiros mecenas en restituír en Cervo a antiga factoría creada polo marqués de Sargadelos no século XIX. Isaac Díaz Pardo lexitimou unha nova creatividade nesas formas nas que respira Galiza. Transvasou formatos da arte popular a deseños vangardistas e recuperou elementos básicos impregnados no respiro da nosa tradición artística e funcional.

Mais todo ese esforzo persoal foi traizoado por advenedizos nos que el confiou e que agora tratan de desar- ticular o seu proxecto coa introdución de formatos comerciais sen identidade galega, co fin de obter o máximo de beneficios económicos. Unha ética ben distinta a que profesou Díaz Pardo. O desmantelamento de Ediciós do Castro, mergullo puntual en dar cabida a miles de publicacións que o propio Isaac soubo manter coa finalidade de darlle pulo á cultura e á literatura de Galiza.

"Duro é dar couces contra o aguillón", por parte dos que morden a mao que lles deu de comer. A profanación que se lle fixo a Díaz Pardo está na memoria de todos. A ambición duns poucos non ten fronteiras éticas nin respecto polos que son protagonistas eficientes do común. Reflexionando naquel debuxo de Castelao, do álbum Nós, no que un vello observa o paso dunha procesión de aldea, e comenta: "Que San Roquiño nos libre de médicos, avogados e boticarios". Isto vén ilustrarnos do que lle aconteceu a Isaac. A súa xenerosidade foi paga con desafiuzamento e rancores. Pese a todas estas intemperanzas, a obra de Isaac goza de excelente saúde. Parabéns Isaac, polos teus frutíferos noventa anos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía