Muíños no regato do Xabrega - 14.09.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
O Xabrega é un deses regatos de curto percorrido e de portentoso poder que percorre un traxecto curto, polas terras de Sober. Gurgulla en Vales, na parroquia de Bolmente, e desauga no Sil nas penedías de San Martiño de Anllo. Nas súas viravoltas toma nomes diversos como o regato de Vales, Bouzas, A Boca, O Camilo e, por último, o Xabrega. Cruza e rega prados por ese val enorme de San Martiño, onde bardos e druídas asentaron e deixaron clamor para non esquecer. Val de romana harmonía no cume de Arxemil, ou Castro de San Marcos onde a capela do evanxelista campa ufana sobre un promontorio de esborrallo amurallado onde as centurias imperiais dominaron e prevaleceron nun asentamento druídico, por onde o Xabrega deixa cántico sapiencial.

Por Vixilde, Toxedo e Couto pasa o Xabrega delicado e tenro entre amieiros e o perfume de arbustos de outonada, que lle fan compaña, agarimo e custodian as súas augas claras. Humilde nas súas premonicións cando altera o seu percorrido e xa por terra de ribeira, canta, brúa e desespera. Gorgolexa por canles, pedras por el labradas e reclinadas baixo o seu poder. Cachoeiras, fervenzas e caídas espraiando cántico de albada e entardecer. Flora e fauna a respirar e depender de cantares e regadas no descenso marabilloso que esa fenda sísmica lle deu privilexio tan persoal e delicado.

O Xabrega, deulle á labregancia de Sober forza hidráulica para mover moa e moer grao de agros e searas desta chaira de San Martiño. Nese caer e ir, renxendo preces, os soberinos construíron muíños e algún batán.

Os muíños do Xabrega, xa orfos e sen muiñada, tiveron na economía de subsistencia un rol significativo.

O aproveitamento do fluído acuático nese medio de repentinas encostas onde os muíños foron fundamentais para desenvolver certas riquezas en casa dos maquieiros. Aos muíños ía procesión laica con cabalerías, fardelas de moenda. Concorrían adolescentes en procura de namoro. Que longas son esas historias nos rentes dos muíños a facer muiñada, e demandar axuda aos trasnos para facer trasnadas luxuriosas.

Descubrir o Xabrega na súa opulencia e estridencia por estas paraxes e pasares, é atoparse coa autenticidade dese respiro que teñen as terras de Sober. Eses muíños roleiros de canles e paredes feitas por canteiros populares e de xeometría humilde pero esquematizado para ser funcionais. Todos eles en procesión cos seus acordes entre pontillóns e pasarelas foron harmonía dun tempo posuído pola utilidade de aproveitar os recursos por parte de quen coñece e ama a terra.

Eses muíños roídos polo esquecemento tiveron recompensa por parte do Concello de Sober que rescatou memoria e culminou un proceso de recuperación ao erguer e establecer un roteiro luminoso, por onde un pasea por eses recantiños, onde os rochedos e os muíños harmonizan unha das máis encantadoras paraxes de Galiza.

Todo un inventario de árbores e arbustos que serpean o que o Xabrega lles dita. Aí están os muíños, uns recuperados e outros agardando teito, en fileira cos seus nomes de pertenza. Velaquí os seus nomes non esquecidos: do Noguedo, do Roque, do Conde, do Souto, do Chucán, do Nemesio, do Ramiro, do Nabás, do Santomé e do Piedras. Sober sempre é sorpresa e descuberta. Sobre todo cando un vai da man dun guía tan especial como é Alfonso Campos. Ademais o Xabrega conta cunha estrada que o vai bordeando de lonxe até a fervenza dos Chancís. Por certo, unha fervenza estragada por un desvío que truncou o proceso natural da súa queda, unha desas cacharradas de Cacharro Pardo. Polo demais o regato do Xabrega é preciso peregrinar a el, sentir os seus barullos musicais; ver as súas danzas acuáticas de requintadas quebradas. Sobre esta tan conformada rehabilitación tiña que infundir exemplo noutros concellos.