Depredación dos pendellos de Agolada 28.09.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Cando paseo en auto polas estivadas do monte Faro e do Farelo, por terras de Camba e de Agolada, fago parada e visita nos monumentais pendellos do século XVIII -e non pendellos medievais como se indica diante do Concello, o medievo concluíu en Europa en 1453, coa toma de Costantinopla, e na Castela dos Reis Católicos en 1492, aquí comeza a idade moderna-. Digo isto para que os políticos ou persoas dadas a fachendosos extremos anunciados ós catro ventos, con estes erros nada fan por esclarecer a xusta medida da temporalidade das cousas.


Como dicía, parei en Agolada e entrei no contorno dos antigos pendellos da feira. Un conglomerado arquitectónico feito á medida da funcionalidade dos feirantes. Digamos, unha pequena factoría de acomodo e benestar. Pendellos articulados en función dos gremios de mercadoría. Cortellos para gardar o gando, hospedaría con cabaleirizas e unha capela con advocación á Virxe das Virtudes. Xa na entrada dun dos pasadizos ollei algo incríbel, pedra alba de Parga substituíndo ese granito do Farelo, o orixinario, pedra de rigor que dá austeridade de labregancia a esa arquitectura. Outros pasadizos xa tiñan trocado de transcendencia. Pregunteille a un veciño e comentoume que o novo lousado era para que os minusválidos tivesen acceso e os mais vellos non tropezasen. O curioso é que polo antigo lousado anciáns e minusválidos podían pasear con certos coidados mais polo novo aínda ofrece mais precariedade por esas canles que hai entre as placas. Non se xustifica que en nome do suposto benestar ou de axuda aos máis necesitados -que é xusto e necesario facelo- se deprede un monumento destas características. Con ese invento de modernidade absurda e de pretender realizar un aceso viábel, non caen na conta que están a pór enormes atrancos coa reestruturación que realizan.

Non sei se confunden estes agresores dos pendellos, mantemento con depredación. A todas luces a segunda é ben evidente e que constatei no meu percorrido, nesas dependencias e teitumes que teñen alterado as orixinarias instancias. Todo un flaxelo para a estrutura harmónica e emocional que se desprende deste complexo feiral. A innecesaria variante segue o seu curso, canteiros e carpinteiros tomban e erguen paredes e teitumes, non restauran dilapidan. Poñen outro colorido ben distinto nesas bigas, mal curadas e recicladas que fan fenda por todas partes, a poucos meses de ser colocadas, desafiando a antigas madeiras que perpetúan unha fidelidade identitaria, produto de quen coñeceu, amou e respecta o medio, como foron os antepasados de Agolada.

Os indutores desta alteración, Deputación de Pontevedra e a Asociación dos Pendellos de Agolada, de maos dadas e postos a esa obra tan controvertida, un día a denominarán consorcio, como é típico nestas desordes e denominacións de orixe da burocracia enrocada en si mesma. Mais hai algo esencial entre o pasado e o presente que os distancia. Para os verdadeiros construtores rurais destes pendellos, tiveron moi en conta a pedagoxía de antano que anatemiza a especulación actual. Aqueles construtores manifestaron nesta obra tres conceptos arquitectónicos que veñen dos gregos: "peso, número e medida". Que promocionan "proporción e harmonía". Esta relevante pedagoxía a ignoran ou a esquecen os que alteran a humana proporción das cousas útiles e fermosas que nos deixaron os antepasados como legado a coidar e respectar.

Hai uns seis anos que a Asociación dos Pendellos, pediume apoio moral para rescatar de certa ruína os pendellos, incluso me fixeron acredor dun diploma como protector dos mesmos. Cando vexo este solemne disparate, estou na obriga, por dignidade e respecto coa a autenticidade do noso a devolverlles, de inmediato, dito diploma.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras